Inés Rey coñece en Brooklyn o futuro porto marítimo que inspira a transformación da Coruña

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, incorporou á súa axenda en Nova York unha xornada de traballo no futuro porto marítimo de Brooklyn, unha infraestrutura chamada a converterse nun porto moderno de referencia e a redefinir a relación da cidade coa súa fachada marítima. A visita enmárcase no Congreso Mundial de Portos e Cidades, no que A Coruña participa estes días.
O proxecto do Brooklyn Marine Terminal prevé transformar este espazo industrial da beira de Red Hook nun porto marítimo de nova xeración e nun ámbito urbano mixto, con actividade loxística, vivenda, comercio e novos espazos públicos abertos ao mar. Trátase dunha actuación valorada en arredor de 3.500 millóns de dólares, chamada a xerar miles de empregos e un forte impacto económico na área metropolitana de Nova York.
Segundo explicou o Concello, a rexedora puido comprobar sobre o terreo o grao de desenvolvemento dunha infraestrutura pensada para mellorar a mobilidade de mercadorías cara aos cinco distritos de Nova York, reducindo tráfico pesado nas estradas grazas ao impulso do transporte marítimo de proximidade.
A sesión de traballo en Brooklyn insírese na participación de Rey no Congreso Mundial de Portos e Cidades, organizado pola Asociación Internacional de Cidades e Portos (AIVP), foro no que a alcaldesa e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, presentarán tamén o proxecto 'Coruña Marítima'. A iniciativa coruñesa foi seleccionada como caso de éxito pola súa fórmula de colaboración institucional e polo amplo proceso de participación cidadá desenvolvido para deseñar o futuro da fachada marítima.
'Coruña Marítima' marcará os pasos da integración dos peiraos interiores na cidade, cun novo modelo urbano que combinará actividade económica, usos cidadáns, espazos verdes e mobilidade sostible ao longo do bordo litoral. A visita ao porto de Brooklyn permite contrastar experiencias e recoller ideas sobre como facer compatibles o desenvolvemento portuario, a creación de emprego e a apertura do litoral á veciñanza.