Incendio en Culleredo activa un amplo operativo de emerxencias preto da terceira rolda da Coruña

Un incendio declarado na tarde deste sábado nunha zona de monte en Toroño, no concello de Culleredo, puxo en marcha un importante despregue de emerxencias pola súa proximidade á Terceira Rolda da Coruña, a carón da saída cara ao aeroporto.
O lume comezou arredor das 19.00 horas, cando unha suposta avaría nun automóbil acabou provocando que as lapas se estendesen polo monte baixo da beira da estrada. A columna de fume, visible desde boa parte da área metropolitana, chamou axiña a atención de condutores e veciños.
Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o incendio quedou estabilizado pasadas as 20.42 horas grazas á intervención dun axente, dúas brigadas con motobombas e un helicóptero, ademais da colaboración dos bombeiros do parque provincial de Arteixo e da Garda Civil, que velaron pola seguridade viaria.
Con todo, o lume reactivouse arredor das 22.00 horas, o que obrigou a reforzar o operativo. Nesta fase continuaron os traballos con novos medios aéreos e terrestres, xunto coa Policía Local, para evitar que as lapas se achegasen ás vivendas.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, desprazouse ata o posto de mando avanzado en Toroño para seguir de preto a evolución do incendio.
A circulación na Terceira Rolda en sentido Coruña viuse ralentizada, aínda que en ningún momento foi necesario cortar o tráfico. Os labores de extinción prolongáronse ata avanzada a noite e está previsto que ao longo deste domingo se realice unha avaliación da superficie afectada.