Inaugúrase no Palexco a mostra que recolle o legado do arquitecto galego Antonio Palacios

ACoruñaXa
A mostra chega á Coruña ata o 12 de abril grazas ao convenio existente entre o Concello e a Fundación Arquitectura COAM, co que a cidade recibe exposicións de interese nacional no eido da arquitectura
_Inaugurada a nova exposición que recolle o legado do arquitecto galego Antonio Palacios, aberta ás visitas na sala municipal de mostras do Palexco
26 Feb 2024

A Sala Municipal de Exposicións do Palexco acollerá desde este luns 26 a mostra 'Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo', unha exposición que lembra a figura e traxectoria do arquitecto e urbanista galego, un dos máis destacados profesionais da historia da arquitectura en España.

A exposición ‘Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo’ poderá visitarse ata o día 12 de abril, no horario habitual de apertura da sala: de luns a venres (12.00 a 14.00, e 18.00 a 21.00). O acceso é de balde.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Rehabilitación, Francisco Díaz Gallego, participou hoxe no acto de apertura da mostra. A exposición forma parte do abano de actividades incluídas no ‘Ano Antonio Palacios’, unha iniciativa impulsada desde o Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM), a Fundación Arquitectura COAM e o Concello de Madrid, coa colaboración do Concello da Coruña, co gallo do 150 aniversario do nacemento de Palacios.

Neste contexto, e tras unha estadía previa en Madrid, a mostra ‘Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo’ chega á Coruña en virtude do convenio existente entre o Concello da Coruña e a propia Fundación Arquitectura COAM, promovido polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de que a cidade sexa receptora de futuras exposicións de interese nacional no eido da arquitectura.

Na súa intervención desta tarde, Díaz Gallego puxo en valor este acordo, ao que se abriu camiño o ano pasado tras unha primeira colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM), cunha exposición en recoñecemento ao arquitecto coruñés Ramón Vázquez Molezún, Premio Nacional de Arquitectura no ano 1954. “Como dixemos na Semana da Arquitectura de 2023, A Coruña é a cidade da arquitectura, e feitos como o de hoxe, coa inauguración desta maravillosa exposición, son o camiño para continuar divulgando e poñendo en valor a nosa arquitectura”, indicou Díaz Gallego.

O concelleiro convidou a cidadanía a achegarse á Sala Municipal de Exposicións do Palexco para “disfrutar da obra do xenial arquitecto galego, neste caso ademais cos seus proxectos máis descoñecidos, aqueles fóra da cidade de Madrid, onde amosa a súa preocupación polo urbanismo das nosas cidades e vilas, tamén por un estilo arquitectónico propio, acorde coa nosa cultura”.

 

0.19009685516357