Inaugúrase a exposición 'A pegada do desxeo' no Aquarium Finisterrae
O Aquarium Finisterrae acolle a inauguración da mostra fotográfica 'A pegada do desxeo', que estará aberta ata o 30 de xuño. Participou no acto de apertura o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Esta exposición convida a unha reflexión social sobre o impacto ambiental que está a ter o cambio climático a nivel global, a través de 34 imaxes impactantes que ilustran a criosfera —a porción da superficie terrestre onde a auga está conxelada—, tomadas polo fotoxornalista español Fernando Moleres entre 2014 e 2020 en diferentes latitudes do Ártico, Groenlandia, Islandia e os Alpes, entre outros lugares do planeta.
A mostra articúlase arredor de tres eixes que abordan a emerxencia climática como un dos maiores retos da humanidade. O primeiro eixe centra a atención no Ártico, a zona máis sensible ao aumento das temperaturas globais, que se quenta o dobre de rápido que o resto do planeta. A redución do xeo estival do Ártico é alarmante: desde 1979, cando se iniciou a medición, a superficie de xeo reduciuse nun 35 %. O derretemento do xeo ártico provoca que o océano absorba moita máis enerxía solar, incrementando súbitamente a temperatura das augas e afectando as correntes oceánicas que regulan o clima mundial.
O segundo grupo de imaxes aborda os glaciares, o único material que conserva aire fosilizado. O xeo acumulado nas rexións polares e alpinas permite aos investigadores obter datos históricos moi precisos do clima a través das burbullas de aire que se conservan nas capas de xeo. Este estudo fornece información valiosa sobre as condicións atmosféricas a través do tempo.
O último eixe da exposición amosa a pegada do desxeo, centrado no impacto que o cambio climático está a ter nos glaciares, con énfase nas perdas no Pirineo español. Xa se perdeu máis do 80 % dos glaciares pirenaicos e, segundo os científicos, para 2030 desaparecerían de maneira irreversible. Outro dos focos de preocupación é o derretemento da capa de xeo do oeste da Antártida, que, en caso de desmoronarse, provocaría un aumento global do nivel do mar de entre 4,5 e 6 metros.
No acto de inauguración, Gonzalo Castro, acompañado polo director do Aquarium Finisterrae, Francisco Armesto, animou á cidadanía a visitar esta nova exposición e destacou a importancia da divulgación científica como "unha ferramenta clave á hora de concienciar sobre os cambios que está a experimentar o mundo no que vivimos". Castro tamén subliñou a necesidade de reflexionar, a escala interxeracional, sobre os hábitos que debemos interiorizar no noso día a día, a fin de poñer o noso gran de area para frear a crise ambiental actual.