Inaugurarada na Coruña a exposición ‘A melodía das buxainas’ para afondar na tradición lúdica galega

ACoruñaXa
Convida á cidadanía a facer un percorrido artístico e literario pola historia deste xogo milenario
buxaina
15 Mar 2025

O concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, presidiu a inauguración da mostra A melodía das buxainas na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga, situada en Durán Loriga. A exposición, organizada polo Concello da Coruña, convida á cidadanía a facer un percorrido artístico e literario pola historia deste xogo milenario.

“O Goberno de Inés Rey quere afondar, a través desta exposición, na tradición da cidade e de Galicia mediante un xogo que pasou de xeración en xeración e que agora pode ser redescuberto por todos os coruñeses e coruñesas nesta sala municipal”, sinalou Castro durante a súa intervención.

O concelleiro destacou a importancia de iniciativas coma esta para achegar a cultura popular ás novas xeracións. Por iso, o Concello convidou aos centros educativos da cidade a visitar a exposición, que inclúye unha colección de buxainas, fotografías artísticas, carteis informativos e textos literarios. A través deste material, as persoas visitantes poderán profundar no coñecemento das orixes dun xogo que forma parte da cultura lúdica galega e, ao mesmo tempo, experimentar as emocións e sentimentos que provoca.

A mostra permanecerá aberta ao público ata final de mes, ofrecendo unha oportunidade única para redescubrir un dos xogos tradicionais máis representativos do patrimonio cultural galego.

⚙ Configurar cookies
0.65351295471191