Inaugúranse na Coruña dúas unidades de saúde mental no Hospital Abente e Lago e no centro do saúde do Ventorrillo
No marco do Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 (2020-2024), a Xunta puxo en marcha dúas novas unidades de saúde mental na área sanitaria da Coruña e Cee. A primeira, unha unidade de psicogeriatría, iniciou a súa actividade o 16 de setembro no centro de saúde de Ventorrillo, destinada a persoas maiores de 65 anos con trastornos mentais complexos. Doutra banda, hoxe comeza a actividade dunha unidade de primeiros episodios de psicoses, situada no Hospital Abente e Lago, dirixida a pacientes entre 18 e 40 anos que sufrisen un primeiro episodio psicótico.
A unidade de psicogeriatría está composta por un equipo especializado de psiquiatra, psicóloga clínica, enfermeira e traballadora social, e centrarase en atender a persoas maiores con trastornos como demencias, psicoses ou trastornos afectivos. En canto á nova unidade de psicose, ofrecerá intervencións temperás co fin de mellorar o prognóstico dos pacientes, permitindo unha mellor recuperación social e persoal.
Ambas as unidades ofrecerán unha abordaxe integral que inclúe desde terapias grupais e seguimento telefónico ata avaliacións individuais e psicoterapia. A creación destas unidades enmárcase nos esforzos da Xunta por reforzar a atención á saúde mental, un sector que viu a incorporación de 241 novos profesionais baixo un orzamento de 83 millóns de euros desde o inicio do plan.