Inaugurada na Coruña unha mostra de arte sobre o pintor e escultor galego Jorge Peteiro
Este xovés 23 de abril tivo lugar a inauguración da mostra 'Peteiro', que recolle unha ampla perspectiva da obra de Jorge Peteiro, pintor e escultor galego de referencia. O acto de inauguración contou coa alcaldesa, Inés Rey que explicou que “Peteiro foi e será referente na vangarda galega, mais tamén un coruñés profundamente identificado coa súa cidade, sendo fonte de inspiración que retratou ao longo das súas obras”.
A mostra componse de 94 pezas distribuídas polo Quiosco Alfonso, esenciais para entrar no coñecemento do seu pensamento e sentimento artístico. A través delas, a persoa que visite a mostra poderá facer un percorrido pola súa etapa más recoñecible. A exposición está comisariada por Pedro Vasco xunto con Beatriz García Trillo, artista e viúva de Jorge Peteiro, a quen a alcaldesa lle agradeceu o seu traballo: “Grazas Beatriz por exercer esa bonita pero difícil tarefa de revivir momentos e recordos con quen ademais de compartir unha vida persoal, compartiches proxectos, arte e profesión”, sinalou.
A alcaldesa referiuse a Peteiro como un artista que creou “un universo de soños e fantasías” e definiu a súa obra artística como vangardista e rupturista. Lembrouno como un artista libre que soubo impoñerse no mercado da arte sen deixar o seu exercicio artístico. “Compartía o seu lado máis bohemio con artistas coetáneos coma Xaime Cabanas ou Correa Corredoira, que xunto co seu talento levaron A Coruña a posicionarse como referente da arte de vangarda en Galicia”, sinalou a rexedora.
O Concello organizou o pasado ano unha exposición sobre Xaime Cabanas en homenaxe polo décimo aniversario do seu falecemento, á que se sumaron outras iniciativas como a placa conmemorativa na súa casa natal en Monte Alto, impulsando a cultura local e a posta en valor da historia artística da Coruña.
“Estamos ante un artista que marchou demasiado cedo, pero pese a todo deixounos algo tan coruñés como era a que el chamaba "alegría de vivir"” explicou a alcaldesa, e convidou a toda a cidade a visitar a mostra, especialmente ás novas xeracións.
En total, a exposición contou coa colaboración de 21 institucións públicas, entidades privadas ou persoas individuais. Destacan a Deputación, o MUNCYT a través do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e ABANCA xunto co Concello da Coruña. Tamén a familia e amizades de Jorge Peteiro.