Inaugurada a pé de rúa a exposición 'Os Vieiros de Asorey' sobre a obra e legado do escultor galego

ACoruñaXa
A mostra está aberta á cidadanía na rúa Compostela, na contorna da praza de Lugo, ata o 20 de xuño
Imaxe da inauguración da exposición de Asorey na Coruña
Imaxe da inauguración da exposición de Asorey na Coruña
21 Maio 2024

Este luns pola tarde inaugurouse a mostra fotográfica 'Os Vieiros de Asorey', que rememora a figura do escultor Francisco Asorey a través de imaxes das súas obras máis representativas acompañadas dun texto biográfico.

No acto estiveron presentes, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto ao presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, e a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo Piñeiro.

A mostra está organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes e conta co apoio do Concello da Coruña. No acto tamén estiveron presentes os autores da mesma, o fotógrafo e académico Xurxo Lobato, autor das imaxes e comisario, e o académico Felipe-Senén López Gómez, autor dos textos.

A exposición celébrase ao fío do Día das Artes Galegas, que neste 2024 dedícase a Francisco Asorey, considerado un dos grandes escultores españoles do século XX e un gran innovador do seu eido. A mostra está aberta á cidadanía na rúa Compostela, na contorna da praza de Lugo, ata o 20 de xuño.

Durante a súa intervención, Belén do Campo destacou a figura de Francisco Asorey, considerado un dos artistas máis innovadores da arte española e da escultura no século XX, “polo que esta mostra é unha oportunidade para recoñecer e por en valor a vida e obra deste insigne galego, nun formato para todos os públicos”, remarcou, ao tempo que salientou que se están ante “un dos nomes que mellor sintetiza a arte feita en Galicia desde unha perspectiva da modernidade”.

A representante do Goberno galego na Coruña deulle os parabéns á Real Academia Galega de Belas Artes, que este ano celebra o seu 175 aniversario, e do que puxo en valor o seu  legado na “loita para protexer, conservar, recuperar e proxectar as artes galegas.

 

0.18880295753479