Inaugurada a exposición de Luís Seoane na Coruña
Este mércores pola tarde a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a apertura ao público da mostra 'Identidade, memoria histórica e movementos sociais', que supón a exposición da obra de Luís Seoane na fundación que leva o seu nome tras tres anos de ausencia. A rexedora estivo acompañada da directora da Fundación Luís Seoane, Carmen Jiménez, e das comisarias da exposición, Silvia Longueira e María Antonia Pérez.
"Luís Seoane deslumbrou ao mundo levando sempre a cidade e Galicia por diante, legándonos un luxo de obra que hoxe volve a estar a disposición da cidadanía", sinalou a alcaldesa durante a súa intervención. A exposición permanecerá aberta á cidadanía na Fundación Luís Seoane durante un ano.
Este proxecto reúne óleos, gravados, debuxos e produción editorial contextualizados dentro de tres grandes bloques temáticos, que poñen de manifesto diferentes aspectos do pensamento do artista galego. As vangardas europeas, a reivindicación da historia, tradicións e identidade galegas, a arte e cultura americanos, o compromiso político e a incorporación de Galicia aos postulados da modernidade son os fíos condutores desta exposición. "Apostamos pola cultura de vangarda e pola modernidade que caracterizou sempre a esta cidade e a que tanto empeño puxo en difundir por Galicia o propio Seoane", dixo a alcaldesa.
A exposición incluirá un programa de visitas guiadas para adultos e, a partir do mes de setembro, acollerá á comunidade educativa. A mostra contará con máis de 50 pezas, entre óleos, obra gráfica, debuxos, produción editorial e outros soportes, distribuídas en dúas salas segundos os tres apartados aos que fai referencia o seu título: Identidade, Memoria Histórica e Movementos Sociais.