O vindeiro sábado, 31 de agosto, disputaranse as finais do Trofeo Concello de Oleiros de fútbol no Campo Municipal Nano García de Iñás. Na categoría feminina, enfrontaranse o Unión Campestre de Montrove contra o Atlético San Pedro ás 17.00 horas. Pola súa parte, na categoría masculina, a final será entre o Santa Cruz e o Xuventude de Dorneda ás 20.00 horas.
Nas semifinais masculinas, o Santa Cruz logrou avanzar tras unha emocionante quenda de penaltis contra o Atlético San Pedro, despois de empatar 4-4 no tempo regulamentario. Na outra semifinal, o Xuventude de Dorneda impúxose cun contundente 10-0 ao Cristo Rei. Na categoría feminina, o Santa Cruz quedou eliminado nun formato triangular, permitindo o pase do Unión Campestre de Montrove e do Atlético San Pedro á final.
O evento, que acada a súa terceira edición na categoría feminina e a 53ª na masculina, é organizado en colaboración coas entidades deportivas locais. O Concello de Oleiros destinou un investimento de 14.458 euros para a realización do torneo, que se emprega principalmente nos premios económicos para os equipos participantes.