Impulsan unha xornada para promover a vivenda colaborativa na Coruña

ACoruñaXa
O evento, organizado por REAS Galicia e a Deputación, terá lugar este venres na sala Juanjo Gallo e ofrecerá alternativas á crise habitacional.
vivenda colaborativa coruña
14 Nov 2024

A Deputación da Coruña colaborará coa Rede de Economía Alternativa e Solidaria (REAS Galicia) na organización dunha xornada sobre vivenda colaborativa que se celebrará este venres, 15 de novembro. O encontro desenvolverase na sala Juanjo Gallo da Deputación, en horario de 10:00 a 15:00, e contará con charlas e unha mesa redonda para achegar á cidadanía este modelo como resposta á actual crise de vivenda.

A xornada, baixo o título “Medidas para o fomento da vivenda colaborativa fronte á crise da vivenda. Vantaxes da colaboración público-comunitaria”, centrará o seu debate en proxectos de cesión de uso, baseados na propiedade colectiva e o dereito de uso. Estes modelos ofrecen solucións onde as persoas son o centro, permitindo unha tenza digna e estable, alén de propiciar investimentos privados para a creación dun parque de vivendas accesibles.

Segundo REAS Galicia, estas alternativas destacan pola súa orientación social e o compromiso cunha economía solidaria, e poden avanzar de maneira significativa a través da colaboración público-comunitaria en proxectos non especulativos. A actividade está aberta a todas as persoas interesadas en coñecer e colaborar nesta iniciativa como vía para afrontar os desafíos do mercado inmobiliario

0.13744902610779