Impulsan unha nova fase de reurbanización no conxunto residencial María Pita no barrio de Labañou

ACoruñaXa
As actuacións centraranse en mellorar a rúa Tomás Fábregas e as súas interseccións coa Avenida de Labañou e a Rolda de Outeiro
Imaxe da Xunta do Gobenro local na coruña 30 de outubro
30 Oct 2024

O goberno local da Coruña continúa coa súa aposta pola transformación dos barrios da Coruña mediante a mellora de infraestruturas e espazos públicos, cun ambicioso plan de reurbanización integral que busca revitalizar a zona do grupo de vivendas de María Pita, no barrio de Labañou. Esta segunda fase das obras contará cun investimento de máis de 812.000 euros, e permitirá mellorar a accesibilidade e ofrecer novos espazos peonís, verdes e de lecer para os veciños, respondendo as demandas da comunidade e dando prioridade ao peón.

Neste sentido, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, presentou esta mañá o proxecto, aprobado pola Xunta de Goberno Local, que permitirá a execución da segunda fase da remodelación do grupo residencial de María Pita. Esta área, considerada unha Zona de Rehabilitación Integral (ARI), está en pleno proceso de transformación para adaptarse aos estándares de habitabilidade e sustentabilidade urbana.

Nesta nova fase, o Concello centrarase en mellorar a rúa Tomás Fábregas e as súas interseccións coa Avenida de Labañou e a Rolda de Outeiro, habilitando unha plataforma única que permitirá unha convivencia segura entre peóns e vehículos. Para lograr este equilibrio, establecerase un carril de tres metros de ancho para o paso de vehículos, cunha velocidade máxima de 20 km/h, o que mellorará a seguridade viaria nunha contorna que alberga numerosos residentes e peóns. “Buscamos pacificar o tráfico nesta zona residencial, de modo que os peóns, sobre todo os maiores e os nenos, teñan unha contorna segura e accesible”, destacou Canosa.

O proxecto tamén inclúe a introdución de mini-ramplas para facilitar o acceso aos edificios nunha rúa con tramos en pendente e outras intervencións que permitirán instalar ascensores no futuro. Así mesmo, o Concello comprométese a axardinar e plantar árbores na rúa Tomás Fábregas, respondendo a un estudo recente que subliña a necesidade de incrementar a vexetación na zona para osixenar e embelecer a contorna. Como parte desta transformación, se demolirá un antigo depósito de auga para habilitar unha nova área de descanso, dotada de bancos e zonas verdes.

O plan inclúe tamén a modernización dos servizos subterráneos, soterrando as instalacións eléctricas e de telecomunicacións que ata o de agora discorrían polas fachadas, ademais de actualizar a rede de saneamento e mellorar a iluminación pública con tecnoloxía LED. Esta actuación supón un paso máis no compromiso do Concello por dotar a Labañou de espazos urbanos que melloren a calidade de vida dos seus habitantes e fomenten a convivencia nunha contorna agradable e segura.

0.15640091896057