Impulsan en Bergondo unha nova edición dos orzamentos participativos cunha partida de 100.000 euros

ACoruñaXa
O Concello abre a convocatoria para que a veciñanza propoña melloras para o municipio, con premios en vales de compra no comercio local
orzamentos bergondo
25 Out 2024

O Concello de Bergondo pon en marcha a sétima edición dos orzamentos participativos, destinando 100.000 euros a financiar a proposta cidadá que mellor contribúa á mellora do municipio. A iniciativa, que xa ten unha ampla traxectoria, busca recoller ideas da veciñanza e darlle continuidade a un proceso que reforza a participación cidadá.

Entre os requisitos para que unha proposta sexa admitida están o estar empadroado en Bergondo, que sexa viable, dependa unicamente do Concello e teña interese xeral ou parroquial. Outras suxestións que, aínda que non encaixen nesta convocatoria, poidan resultar de interese, tamén se valorarán para incluílas en plans de investimento futuros ou en solicitudes de subvención a outras administracións.

A veciñanza poderá enviar as súas propostas ata o 31 de outubro mediante un formulario dispoñible no Rexistro municipal, sede electrónica, buzóns dos centros sociais das parroquias ou por correo electrónico en correo@bergondo.gal. O resultado da convocatoria publicarase o 8 de novembro na web e redes sociais do Concello.

Como incentivo, o Concello entregará un vale de 100 euros para gastar no comercio local á proposta elixida e bonos de 30 euros ás dez seguintes mellor valoradas. Dende o goberno local destacan que este proceso “funcionou moi ben nos últimos anos, e queremos darlle continuidade, pois a veciñanza achega perspectivas moi interesantes e estamos sempre dispostos a escoitar propostas para o ben de Bergondo”.

0.19804501533508