Illa Bufarda e Mala Herba Producións, premiadas pola súa aposta cultural pola igualdade de xénero

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña anuncia así as gañadoras da novena edición do Premio Begoña Caamaño
dep-xurado
4 Jun 2025

A Deputación da Coruña vén de anunciar as gañadoras da novena edición do Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, un recoñecemento que nesta ocasión distingue o labor de dúas entidades galegas comprometidas co feminismo e a transformación social a través da cultura.

Na modalidade de traxectoria, o galardón recaeu na produtora creativa Illa Bufarda, mentres que na categoría de iniciativa o recoñecemento foi para a cooperativa xuvenil Mala Herba Producións. Ambas propostas foron seleccionadas por unanimidade entre as seis candidaturas presentadas ao certame.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, integrado tamén por Alexandre Garrido López, Beatriz Maceda, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Antares Pérez García-Zabarte e Alberte Mera, co apoio da xefa do servizo provincial de Acción Social, Cultural e Deportes, Manuela Muñiz Souto, como secretaria.

No caso de Illa Bufarda, o xurado destacou “a súa produción audiovisual, que mestura o ensaio coa fotografía dende unha permanente e poliédrica ollada feminista”, así como o seu “compromiso coa lingua galega e co rescate da memoria das mulleres galegas, tanto traballadoras como creadoras”.

Pola súa banda, Mala Herba Producións foi recoñecida polo seu enfoque transversal e central na defensa da igualdade de xénero e dos dereitos LGTBI. O comité valorou tamén “a súa aposta pola formación, pola visibilización do talento feminino no sector audiovisual e pola cultura como ferramenta de transformación social”.

Non é a primeira vez que estas dúas entidades reciben premios da Deputación da Coruña. Nos galardóns Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, Illa Bufarda foi distinguida por ‘S.E.X. Moito máis que unha serie sobre sexualidade’ (2018) e ‘Altas luces’ (2024), mentres que Mala Herba Producións resultou gañadora este mesmo ano co proxecto ‘A clase’.

O Premio Begoña Caamaño reafirma o seu compromiso co recoñecemento de iniciativas culturais que promovan a igualdade, visibilizando o talento e o activismo de proxectos que traballan desde Galicia para transformar a sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.16685509681702