Igata finaliza a IV edición do seu programa de mentoring
O Instituto Galego do Talento (IGATA) concluíu a IV edición do seu programa de mentoring, este mércores 19 de xuño, nun evento en liña no que os participantes da iniciativa puideron intercambiar impresións e aprendizaxes destas 12 semanas de mentoría.
Aparte do acompañamento dos profesionais asignados a cada proxecto, a entidade tamén organizou charlas e talleres de inspiración a cargo de perfís como Xosé Luis Reza, Rocío Ovalle ou a participación de Alejandro Navarro, de Navarro Avogados e Consultores Xurídicos, un dos seus colaboradores anuais. Así, os participantes desta IV edición obtiveron coñecementos de ámbitos diferenciados como o xurídico, márketing, e coaching persoal vinculado ao emprendemento.
“O maior resultado desta iniciativa é a satisfacción de seguir acompañando ao talento emprendedor en Galicia”, subliñou a coordinadora do programa de mentoring de IGATA, Yolanda Vázquez. “O noso programa de mentoring busca ser un espazo onde potenciar e poder ampliar miras nos proxectos de emprendemento, apostando polo talento galego”, explicou.
Ademais, destacou o potencial dos proxectos emprendedores participantes, así como a implicación das persoas mentorizadas durante estas semanas. “Confiamos en que este programa fose de valor para Sofía Arangüena, Diana Lameiro, Brais Armiño, Isabel Gil, Óscar Fernández, Pablo Visos, e Lorena Feijoo, e que teñan moito éxito”. “Así como non podo esquecerme das charlas impartidas por Xosé Luis Reza, Rocío Ovalle, e Alejandro Navarro en formato inspirador para cumprir unha vez máis co obxectivo do programa: a transmisión de experiencias e coñecementos para potenciar o talento galego”, concluíu.
Esta actividade exclusiva para os participantes do mentoring, é a última das agendadas por IGATA para este período 2023-2024, que se suma ao foro Impacto Positivo, Sustentabilidade Corporativa e Talento organizado o pasado 7 de xuño, en aberto para toda a súa comunidade, que buscaba poñer de manifesto a importancia e o valor que achegan as estratexias empresariais de sustentabilidade, así como o impacto positivo que repercuten na contorna que operan, e en concreto en Galicia.