Identificado o responsable do vertido ilegal de 42 pneumáticos no monte de Goimil

ACoruñaXa
A Garda Civil e o Seprona localizaron o autor tras a denuncia do Concello de Vilarmaior e os restos xa foron retirados, recuperándose a normalidade na zona
VILARMAIOR neumáticos goimil
2 Mar 2026

O caso do vertido incontrolado de pneumáticos detectado a pasada semana na parroquia de Goimil queda resolto. O Concello de Vilarmaior informou este 2 de marzo de 2026 de que a investigación impulsada a raíz da denuncia presentada ante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) permitiu identificar a persoa responsable desta infracción ambiental.

Segundo trasladou a administración local, os 42 pneumáticos abandonados no monte xa foron retirados, polo que a contorna recuperou a normalidade tras varios días de preocupación veciñal polo impacto do depósito ilegal.

O alcalde, Carlos Vázquez Quintián, agradeceu publicamente o traballo realizado polas forzas de seguridade e subliñou a rapidez coa que se esclareceu o sucedido. O rexedor destacou a ‘absoluta dedicación e interese’ da Garda Civil e do Seprona, aos que cualificou como determinantes para resolver o episodio con dilixencia e eficacia.

Vázquez Quintián insistiu en que a protección do patrimonio natural é unha prioridade para o goberno local e fixo un chamamento á responsabilidade compartida para evitar condutas incívicas que poñan en risco os montes e paraxes do municipio. Desde o Concello reiteran que manterán unha política de ‘tolerancia cero’ fronte a accións que vulneren a normativa ambiental.

0.11839294433594