Iago Docampo de Dementores Coruña: "O Quidditch está consolidado na Coruña, xa non é de frikis"

ACoruñaXa
Coñecemos este deporte nacido do universo de Harry Potter da man do Club Dementores da Coruña, o equipo máis activo a nivel galego deste xogo
Imaxe do equipo dos Dementores Quidditch da Coruña
2 Xuño 2024

Miriam García

Seguro que cando a escritora J.K Rowling escribía as aventuras do mago máis famoso do mundo, non chegaba a imaxinar que o deporte que ela mesma se inventou para que Harry Potter xogara voando sobre a súa escoba Nimbus 2000 podería ser unha realidade.

Tampouco o podía imaxinar o coruñés Iago Docampo, presidente do Club Dementores Quidditch da Coruña, que leva 11 anos sumido no mundo do quádbol, máis coñecido polas novelas como quidditch, un deporte de contacto mixto que xurdiu da imaxinación da autora británica. “O deporte naceu en Vermont nos Estados Unidos como parte dun traballo universitario no 2005 e foi crecendo”, sinala o rapaz, xunto que o deporte chegou a España sobre o ano 2013.

“Consiste nunha mestura de rugby, balonmán e balón prisioneiro. No campo xogan dous grupos de 7 persoas, aínda que o rol do buscador (a mesma posición que tiña Harry Potter no seu equipo) ten que saír ao campo no minuto vinte minuto, polo que a maioría do tempo son 6 persoas por equipo no terreo de xogo”, explica Iago, que xoga na posición de golpeador no seu equipo.

Nun partido, tres aros-portería son situados a cada lado do campo. As porterías adoitan ser tubos circulares montados sobre canos de PVC. Todos os xogadores deben levar un pau entre as pernas en todo momento, pois non levalo está considerado falta. Neste sentido, o quidditch é un deporte mixto, no que teñen que xogar tanto homes como mulleres. “Soamente pode haber 4 persoas dun mesmo xénero do campo”, sinala Iago, que explica que no terreo de xogo podes atoparte en cada un dos equipo a tres cazadores, un gardián, dous golpeadores e o buscador.

"Resumidamente, os cazadores marcan os puntos ao xogar coa pelota para marcar goles. O gardián, similar a un cazador, protexe a súa área e ten privilexios especiais. Os golpeadores eliminan aos golpeadores rivais lanzando balóns. O buscador busca a 'snitch' para gañar puntos. Nesta versión do xogo, a 'snitch' é un árbitro coa pelota de tenis que os buscadores deben quitar”, conta o xogador galego.

Un dos primeiros equipos xurdidos en España

Os Dementores Coruña naceron no 2013 cando Iago e uns amigos viron nunha película estadounidense como se xogaba ao deporte. “Sorprendeunos moito e buscamos información nas redes sociais e descubrimos que en España estaba comezando a abrirse camiño. Dimos con un rapaz chamado Christopher na Coruña que quería montar un equipo. Puxémonos en contacto e así comezamos a formalo. De feito, somos un dos primeiros equipos que xurdiron en España xunto aos Barcelona Eagles e Madrid Lynx”.

Na actualidade, Dementores Coruña conta con 14 xogadores dunha media de idade aproximada de 25 e 26 anos. “A realidade é que hai máis homes ca mulleres. Aínda que a proporción de mulleres nos equipo de quádbol está crecendo bastante ben”, apunta o socio fundador do club coruñés. Entre o seu palmares destacan dúas Copas de España e tres subcampionatos e o título de campións europeos da Copa de Europa na división dúas no 2022.

Ademais, a nivel galego son o equipo que fai máis eventos dentro e fora da cidade para dar a coñecer o deporte entre a xuventude. “Cando imos a eventos, que soen ser con rapazada de idade escolar, nos preguntan moito se temos algún equipo de categoría infantil, pero agora mesmo non o temos. Se algún pode xurdir estaremos máis ca encantados”, indica Iago, que explica que nestes eventos ven un interese latente tanto por parte da mocidade: “Logo claro, se se unen ou non ao equipo de maiores, iso xa depende de cada quen”.

Un deporte non federado no que os equipo galegos sempre estiveron “moi activos”

En España hai uns 12 equipos en activo deste deporte non federado, dos cales  3 son galegos. “Ata fai pouco había cinco equipos, agora soamente quedamos nós e os de Lugo e Santiago de Compostela”, sinala  Iago, xunto a que a pandemia de Covid-19 influíu moito na desaparicións dalgúns destes equipos. A nivel galego, conta o rapaz, a cousa agora mesmo está un pouco parada, pero antes do Covid realizaban bastante actividades entre eles como a Liga e a Copa Galega: “Imos a intentar retomar un pouco a actividade porque os equipo galegos sempre fomos dos que máis competimos de España”, conta.

O certo é que os equipo españois de quádbol son bastante competitivos. “Fai uns meses foi o torneo europeo de clubs, que é como nosa Champios, e ata alí fomos catro equipos españois e todos quedamos no top 20 de 32 equipos. Nós, os Dementores, quedamos no posto 19 e os mellores de España foron os rapaces e rapazas de Málaga que quedaron novenos”,  explica Iago.

A nivel de competicións existe a Copa de España, na que xuntan todos os equipo españois para xogar, de feito os Dementores Coruña son os actuais subcampiones nacionais desta tempada 2023-24. E tamén teñen, aínda que dependendo do ano, ligas rexionais que están condicionadas polo número de equipos que haxa en cada unha. Ademais, existe a selección española de quádbol que en xullo competirá en Inglaterra contra as seleccións doutros países europeos.

O xogo remata cando se captura a ‘snitch’

-“E, como se xoga un partido de quádbol?”, aventúrolle. “Xógase a reloxo parado, é dicir, cando hai unha falta parase o partido e o tempo non corre. Por iso o tempo que dura un partido, aínda que o tempo de xogo poden ser entre 23 e 25 minutos, pódese alargar no tempo real. Un partido remata cando se captura a ‘snitch’, que da 30 puntos, pero o buscador so sae a partir do minuto 20 de partido”, comeza a explicar Iago. “Antes do minuto vinte xogase normal, é dicir, hai unha saída na que se colocan todos os xogadores nunha liña e o arbitro da inicio de partido. Logo os xogadores se posicionan, buscan os balóns e tratan de marcar puntos nos aros. Ademais o curioso é que podes meter os puntos nos aros tanto por diante como por detrás deles”, indica.

Doutra banda, Iago explica que cada tanto suma 10 puntos ao marcador. Ademais, se o equipo que vai perdendo consegue capturar a ‘snitch’, débese xogar un tempo de prorroga. O partido remata cando un dos equipo acade 30 puntos máis dos que teña o equipo gañador no momento de comezar a prorroga. “É un deporte moi dinámico e de contacto porque pódese placar á xente da túa posición no campo de rodillas para arriba e de pescozo para abaixo, dun xeito parecido ao rugby. Tanto por diante como por detrás do xogador”, explica Iago.

Potenciar o deporte nos colexios e institutos da cidade

De cara o futuro o mozo agarda que o equipo siga traballando “a pico e pala” para que o deporte se manteña e atraer a novas xeracións as súas filas. “Sobre todo potenciar o deporte base nos colexios e institutos. Cada ano hai máis centros interesados o que fai que xeracións pequenas vaian coñecéndoo e que cano sexan maiores se animen a practicalo. Se non hai relevo xeracional, mal imos”, sinala.  De feito, conta Iago que no País Vaco o quádbol conta xa cunha unidade didáctica nos colexios.

Os Dementores Coruña adestran todos os domingos no Parque de Eirís de 10.45 horas a 13.30 horas. “Calquera que este interesado pode falar con nós e vir a xogar con nós. Adaptamos o exercicio para que aprendan”, anima Iago.

Inclusivo e no que todo o mundo ten cabida

Cando lle pregunto a Iago porque recomendaría este deporte non se o pensa dúas veces: “Pásase moi ben. É moi competitivo, moi inclusivo e no que existe unha igualdade entre mulleres e homes, que noutros deportes non hai. Ademais ten uns valores que outros deportes non teñen e está moi comprometido coa comunidade LGTBI”, explica xunto a que moita xente que os ve desde fora e pensa que non é divertido, unha vez que o proba queda encantado. “E é unha comunidade reducida na que nos coñecemos todos co cal hai moita proximidade”

En canto aos estereotipos que rodean ao deporte Iago ten claro que “sempre os vai a haber, nunca deixará de haber alguén que nos chame panda de frikis, pero sobre todo en Coruña apenas notamos que a xente os teña. A verdade é que a xente sinte curiosidade, é un deporte moi aceptado e supoño que iso se debe a todos os eventos que realizamos e que nos deixamos ver pola cidade”, conclúe.

0.18758606910706