Homenaxe a Manuel Lourenzo en Portas Ártabras da Coruña o 20 de novembro

ACoruñaXa
O Facho, Amigos dos Museos de Galicia e Casahamlet lembran ao dramaturgo lucense, recentemente falecido, nun acto aberto ao público ás 20.00 horas
mestre-mateo-manuel-lourenzo-2
19 Nov 2025

A Agrupación Cultural O Facho e a asociación Amigos dos Museos de Galicia convocan para o vindeiro 20 de novembro un acto de homenaxe ao dramaturgo, actor e director Manuel Lourenzo no espazo cultural Portas Ártabras, na rúa Sinagoga 22 da Cidade Vella da Coruña. A sesión, con entrada libre ata completar aforo, comezará ás 20.00 horas.

No encontro intervirán representantes da propia Agrupación Cultural O Facho, o poeta Xulio L. Valcárcel, o historiador da arte Felipe-Senén, o director teatral Santiago Fernández, en representación de Casahamlet, e o músico Miro Casabella, que porá o peche musical ao acto.

A homenaxe chega poucos meses despois do falecemento de Manuel Lourenzo, nado en Ferreira do Valadouro en 1943 e finado na Coruña o pasado 10 de agosto, considerado unha das grandes referencias do teatro galego contemporáneo pola súa intensa traxectoria como dramaturgo, actor, director e tradutor, cun catálogo que rolda as 300 pezas teatrais.

Lourenzo, que nos anos sesenta se incorporou ao movemento teatral galego e mesmo participou no grupo teatral d'O Facho, foi tamén impulsor de proxectos como a Escola Dramática Galega ou a compañía Casahamlet. Ao longo da súa carreira recibiu numerosos recoñecementos, entre eles o Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997 pola obra 'Veladas indecentes' e o Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual en 2021.

Tanto O Facho, unha das asociacións culturais coruñesas con máis traxectoria na defensa da lingua e da cultura galegas, como Amigos dos Museos de Galicia, que xestionan o espazo Portas Ártabras, subliñan que o acto quere ser un momento de lembranza e agradecemento pola contribución de Manuel Lourenzo á escena galega e pola súa dedicación á difusión do teatro en galego durante máis de medio século.

Homenaxe a Manuel Lourenzo en Portas Ártabras
⚙ Configurar cookies
0.078768968582153