Herminia Santiso celebra o seu centenario acompañada da alcaldesa de Bergondo

A veciña de Moruxo Herminia Santiso Valiño celebrou este luns, 2 de xuño, o seu 100 aniversario, unha data moi especial que contou coa visita da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez. A rexedora achegouse ao seu domicilio para felicitala persoalmente e entregarlle un ramo de flores e un agasallo en nome do Concello.
Nacida en 1924, Herminia é un exemplo de vida marcada pola emigración e o traballo. No ano 1964 marchou a París, onde residiu durante 22 anos antes de regresar ao seu Bergondo natal. Ten dous fillos —unha deles continúa vivindo en Francia—, catro netos e catro bisnetos.
Ao longo da súa vida laboral traballou en panaderías, carnicerías e tamén en diversas casas particulares, nas que destacou polas súas habilidades culinarias. En 2005 quedou viúva, e aínda que sufriu un ictus, mantén un bo estado de saúde, só afectado polo asma que padece.
Herminia tamén forma parte do patrimonio inmaterial do municipio, xa que é unha das protagonistas do libro 'Seis cafés: etnografía dos coidados para tempos de pandemia', editado polo Concello de Bergondo. Nun dos seus capítulos, ela e a súa irmá Amelia —que ten 105 anos— comparten vivencias e reflexións, converténdose en referentes de memoria viva e resiliencia.