Guísamo rende homenaxe á memoria colectiva e á mirada comprometida de Anna Turbau

ACoruñaXa
Foi un reencontro entre imaxes, historias e afectos que transcendeu a homenaxe para a fotoxornalista
turbau-bergondo
10 May 2025

A emoción e a nostalxia marcaron un deses momentos que permanecen na memoria colectiva en Guísamo. Na Sociedade Recreativa tivo lugar a celebración do acto de entrega de copias fotográficas a algunhas das persoas retratadas por Anna Turbau hai xa cincuenta anos, ou aos seus descendentes. Un xesto sinxelo, pero cheo de emoción, co que se pechou o círculo que a propia fotoxornalista quixo completar en vida. Foi un reencontro entre imaxes, historias e afectos que transcendeu a homenaxe para converterse nunha celebración da dignidade e da resistencia dunha comunidade.

O acto, organizado polo Concello de Bergondo, enmárcase no tributo a Anna Turbau, cuxa mirada comprometida soubo captar a esencia dun momento histórico: as mobilizacións veciñais contra a construción da Autopista do Atlántico (AP-9). Aquelas fotografías, tomadas con sensibilidade e valentía, non só documentan unha loita social, senón que gardan a forza íntima de quen se enfrontou á perda do seu territorio e defendeu con firmeza a súa forma de vida. Moitas desas persoas —ou os seus familiares— recibiron da man do Concello unha copia desas imaxes.

No acto, a alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, lembrou que Anna Turbau estivo implicada persoalmente na preparación deste acto ata poucos días antes do seu falecemento, o pasado 19 de marzo. “Sabemos que este momento era importante para ela. Preocupábase por que esas imaxes volveran ás mans de quen lles deu sentido. Hoxe, máis ca nunca, sentimos a súa presenza entre nós”, expresou a rexedora.

No marco desta homenaxe continúa aberta ao público a exposición “Fotografía e compromiso. Unha homenaxe á mirada de Anna Turbau”, que pode visitarse no edificio cultural da Senra.

⚙ Configurar cookies
0.15521383285522