Gran éxito de participación e deportividade no I Torneo de Esgrima Histórica de Miño

ACoruñaXa
Unha cita deportiva que reuniu participantes de clubs procedentes de diferentes puntos de Galicia e Portugal
miño-esgrima
24 Feb 2025

O polideportivo municipal acolleu o I Torneo de Miño Esgrima Histórica, unha cita deportiva que reuniu participantes de clubs procedentes de Madrid, Ourense, Vigo, Pontevedra, Narón, Coruña, Paderne-Miño, Oporto, Peniche e Lisboa.

A competición desenvolveuse en tres categorías. Na modalidade de espada e broquel, o primeiro posto foi para Kostiantyn Slabko, seguido de Damián Troncoso no segundo lugar, mentres que Diogo Pereira e Miguel Muiños compartiron a terceira posición. Na categoría de espada roupeira, Daniel López proclamouse vencedor, con Óscar Otero en segunda posición e Jessie González e Damián Troncoso ocupando o terceiro posto ex aequo. Pola súa parte, na proba de espada longa, Óscar Otero alzouse co primeiro lugar, Damián Troncoso foi segundo e Daniel López e Ricardo Macedo completaron o podio na terceira posición.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, foi o encargado de entregar os trofeos e medallas aos gañadores nun acto no que se puxo en valor o esforzo e a deportividade de todos os participantes. A xornada, marcada polo bo ambiente e a paixón pola esgrima histórica, consolidouse como un evento de referencia para esta disciplina na rexión.

⚙ Configurar cookies
0.18237590789795