Gran éxito da festa do Samaín no Campo da Feira de Ordes

O Campo da Feira de Ordes converteuse o pasado venres no epicentro da celebración do Samaín cunha festa multitudinaria organizada pola Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes. A cita, que se prolongou ata altas horas da madrugada, reuniu centos de mozos e mozas que non deixaron de bailar coa música da disco móbil CDC e da orquestra Origen.
A programación tamén incluíu actividades pensadas para os máis pequenos, que desfrutaron pola tarde co espectáculo de maxia A maleta máxica, a cargo do Mago Piter, ademais de participar en obradoiros de pintacaras e maquillaxe.
Aínda que a xornada estivo marcada pola chuvia, o mal tempo non foi impedimento para a diversión grazas á instalación dunha carpa climatizada que acolleu todas as actividades previstas.
O evento contou coa colaboración do Concello de Ordes, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e a Xunta de Galicia, que apoiaron unha celebración que xa se consolida como unha das máis esperadas do outono na vila.