Gran acollida á ‘Marcha fúnebre polo ensino público’ en Oleiros onde as familias reclaman fin dos ‘recortes’ e máis profesorado

A ‘Marcha fúnebre polo ensino público’, celebrada o 26 de outubro en Oleiros, tivo unha ampla acollida e reuniu numerosas familias, docentes e veciñanza arredor das reivindicacións da ANPA Valle Inclán. A asociación alerta de que a falta de profesorado no CEIP Valle Inclán está a afectar ao funcionamento ordinario do centro e á calidade da aprendizaxe, e reclama máis medios para garantir unha escola pública que dea resposta a todo o alumnado.
As familias lembraron que levan reivindicando estes recursos desde o inicio de curso e que xa remitiron escritos á Xunta de Galicia e solicitaron reunións coa Consellería de Educación. Sinalan que, a día de hoxe, seguen sen obter unha solución efectiva ás carencias detectadas no centro, a pesar de teren exposto que a falta de persoal repercute tanto na organización diaria como na atención á diversidade.
Tras a mobilización, a ANPA Valle Inclán anunciou que desconvoca as concentracións semanais dos luns diante do colexio, que se viñan mantendo desde setembro para dar visibilidade á situación. A asociación explica que o obxectivo agora é avanzar cara a novas accións conxuntas coa comunidade educativa para manter a presión e conseguir que se atendan as demandas sen afectar ao ritmo diario do centro.
A ANPA lembrou tamén que a reivindicación xa chegou ao Parlamento de Galicia. Representantes das familias asistiron a un pleno no que se preguntou pola situación do CEIP Valle Inclán e pola necesidade de reforzos de persoal docente. A versión oficial cualificou o caso como un ‘problema puntual’, algo que as familias rexeitan, lembrando que a falta de profesorado se arrastra desde setembro sen perspectiva de solución.
A asociación agradeceu o apoio recibido durante a marcha e subliñou que vai continuar reclamando ‘un ensino público inclusivo e de calidade’, insistindo en que a súa demanda non é só por un colexio concreto, senón polo dereito á educación de todos os nenos e nenas.
