Graduados Sociais da Coruña e Ourense póñense ao día co novo Regulamento de Estranxeiría

ACoruñaXa | OurenseXa
O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense acollerá un curso sobre esta materia
graduados-sociales
17 Mar 2025

O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense traslada que a realidade económica e social actual é cambiante. Por iso é imprescindible axustar regulamentos como o de Estranxeiría a ela. Sobre os últimos cambios aprobados o pasado 20 de novembro na norma profundan agora os graduados sociais, profesionais que día a día tramitan permisos de residencia, visados e contratación de estranxeiros.

Este martes 18 de marzo e o xoves 20 de marzo, o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense acollerá un curso sobre esta materia, impartido polo xefe da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación do Goberno na Coruña, Julio Alberto Simón Blanco. Será en horario de catro a sete da tarde, e impartirase en formato híbrido, tanto presencial como en liña.

Expoñen que Galicia, terra historicamente emigrante, está a medrar en poboación estranxeira e rexuvenecendo grazas á inmigración. Os últimos datos do INE, correspondentes a maio de 2024, confirman esta tendencia. En decembro de 2023, o 5,2 % do total de habitantes da comunidade era estranxeiro. Desde 2016, a taxa de inmigración en Galicia supera á de emigración. A poboación entrante, cunha media de idade de 35,8 anos, é dous anos menor ca a saínte. Ademais, o 95,4 % dos novos residentes son orixinarios de fóra de España.

As persoas que chegan a Galicia proveñen principalmente de Perú, Colombia, Venezuela e Brasil. Entre as cidades galegas, A Coruña lidera o ránking de chegadas, seguida de Lugo e Ourense capital. Pola súa parte, Pontevedra e Ferrol rexistran menores porcentaxes, pero con diferenzas pouco significativas.

A formación programada polo Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense é continua. O xefe da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación do Goberno na Coruña, Julio Alberto Simón Blanco, será o encargado de impartir a formación. Durante o curso trataranse as novas figuras de arraigamento, analizarase a residencia de familiar en España fronte ao réxime comunitario, estudarase o impacto do novo regulamento nas solicitudes de protección internacional e abordarase o funcionamento da tramitación electrónica de solicitudes.

Un dos cambios máis relevantes deste novo regulamento é a creación da figura da residencia de familiar de español. Segundo explica Simón Blanco, "regúlase por fin con máis dereitos a residencia dos familiares de españois, diferenciándose da residencia dos familiares de cidadáns da UE non españois, é dicir, os cidadáns comunitarios que exercen o seu dereito á libre circulación a outro país da UE de onde non son orixinarios". Ademais, subliña a redución do tempo de permanencia esixido para a obtención do arraigamento, que pasa de tres a dous anos. Outro cambio importante é a creación da nova figura do "arraigamento de segunda oportunidade".

Nas Oficinas de Estranxeiría de Galicia, os permisos e demais trámites están a cumprirse dentro dos prazos previstos regulamentariamente. Porén, a entrada en vigor do novo regulamento podería incrementar significativamente o número de solicitudes, afectando aos tempos de resposta, segundo explica o experto.

 

⚙ Configurar cookies
0.63193202018738