Gaudi Galego actuará este domingo 2 de xuño no Teatro Colón da Coruña

ACoruñaXa
A creadora de Cedeira interpretará, por vez primeira na cidade herculina, os temas do seu último álbum, ‘Roibén’
Imaxe da cantante Gaudi Galego coa súa banda
1 Xuño 2024

A canatnte Guadi Galego chega este domingo 2 de xuño ao Teatro Colón coruñés para presentar, por vez primeira na cidade, o seu directo 'Síntese Horizonte'; unha proposta coa que a artista de Cedeira presenta os temas do seu último LP, Roibén, á vez que festexa os seus 25 anos sobre os escenarios.

O directo, que inaugurará o ciclo 'Coa nosa voz', da Deputación da Coruña, comezará ás 20.00 horas e xa non conta con convites dispoñibles, xa que estes esgotáronse en menos de oito horas desde a súa posta á disposición ao público.

'Síntese Horizonte' é unha proposta expresamente concibida para teatros, só presentada anteriormente en Santiago de Compostela, Ferrol e Pontevedra, na que Guadi Galego se acompaña de grandes artistas do país. É o caso da banda conformada por Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percusión) e Álex Fernández (teclados). Completan a formación, como vocalistas e pezas chave do directo, Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez.

Ademais, a nova produción de Guadi Galego en colaboración con Culturactiva destaca tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento), froito do traballo en común que as artistas desenvolveron coa autora de himnos como Matriarcas, Cedeira ou o máis recente O.D.A.

A cita desde domingo na Coruña será a última ocasión para ver a Guadi Galego en teatros antes de iniciar a súa xira de verán, coa que visitará os escenarios de citas como PortAmérica, Revenidas ou a Festa da Carballeira de Zas, ademais de actuar en localidades como Muros, Carballo, Meis, Ames ou Vilagarcía de Arousa, entre outras.

0.18892598152161