Gastronomía, viño e tradición danse cita en Paderne na Feira do GastroLexítimo

A parroquia da Esperela, no Concello de Paderne, acollerá un ano máis a celebración da Feira do GastroLexítimo, unha cita que naceu como continuación da Mostra Branco Lexítimo e que se consolida como escaparate da identidade local a través da súa gastronomía, do viño autóctono e do traballo das adegas da zona.
O evento, impulsado polo Concello de Paderne, ten como obxectivo destacar o papel dos produtores locais e o potencial da variedade Branco Lexítimo, promovendo ao mesmo tempo a tradición vitivinícola da contorna. Nesta nova edición, o pregón correrá a cargo do coñecido presentador galego Paco Lodeiro, quen abrirá unha xornada pensada para o desfrute de toda a veciñanza e visitantes.
Ao longo do día, os asistentes poderán percorrer diversos postos con produtos típicos do municipio e da comarca, nun ambiente festivo que tamén contará coa música en directo do recoñecido grupo Luar na Lubre, xa confirmado como parte da programación.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, destacou o compromiso do goberno local por fortalecer esta iniciativa: "Hai un ano comprometémonos a manter esta celebración e a facela máis grande. Hoxe presentámola con orgullo como unha feira que une gastronomía, viño e tradición". Ademais, agradeceu o apoio da Deputación da Coruña e da veciñanza, "sempre disposta a participar e apoiar as propostas do Concello".
A programación completa será anunciada nas vindeiras semanas, mais desde o Concello xa avanzan que esta segunda edición busca consolidar a Feira do GastroLexítimo como unha referencia cultural e gastronómica na comarca.