García Seoane reclama á Xunta unha solución urxente ao caos do transporte público na comarca da Coruña

ACoruñaXa
O Concello de Oleiros anuncia que chamará á unidade a alcaldías, entidades veciñais, sindicatos e empresas tras meses de incidencias e a falta de reunión comprometida para xaneiro
OLEIROS garcia seoane
14 Feb 2026

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, volveu esixir á Xunta de Galicia unha resposta inmediata ante a persistencia dos problemas do transporte público na comarca da Coruña. O rexedor sostén que ás deficiencias que o Concello leva meses denunciando se engadiu nas últimas semanas o impacto da folga, o que agravou a situación ata deixar, segundo describe, unha cidadanía 'en total indefensión'.

Desde o goberno local advirten de que, se antes o servizo xa era unha 'lotería', nos últimos días a queixa principal é a ausencia de información clara sobre os horarios e os servizos dispoñibles, o que dificulta a mobilidade diaria.

O Concello pon o foco tamén nas consecuencias económicas para as familias. Segundo traslada, hai persoas sen coche que se ven obrigadas a recorrer ao taxi cando poden asumir ese gasto. Como exemplo, citan o caso dunha veciña de Mera que tivo que pagar 46 euros para acudir a unha cita médica no hospital Abente y Lago ante a falta de autobuses. Noutros casos, engaden, familiares e amizades acaban facendo de 'taxistas' para cubrir desprazamentos básicos.

Outra das derivadas, segundo Oleiros, é o incremento do coche privado e o conseguinte colapso nas estradas da contorna. O Concello relaciona esta saturación coa ausencia de avances en infraestruturas consideradas clave, como a Vía Ártabra, a ampliación da Ponte da Pasaxe, a avenida de Alfonso Molina ou o túnel de Santa Cristina, o que converte traxectos curtos en percorridos longos e difíciles.

Ante o malestar cidadán, García Seoane anunciou que o Concello se dirixirá ao conxunto de alcaldes e alcaldesas da comarca, así como a entidades veciñais, sindicatos e representantes empresariais para artellar unha resposta conxunta. 'Neste tema non caben partidismos, os problemas de mobilidade sufrímolos todos independentemente de onde militemos ou como pensemos', afirmou.

O alcalde denuncia, ademais, que a Xunta incumpriu a promesa de convocar unha reunión en xaneiro para dar saída ás demandas presentadas polo Concello. 'Todo foron boas palabras, pero vai pasar febreiro e aquí seguimos agardando', remarcou. Oleiros lembra que a Xunta é a administración responsable do transporte público nos concellos de menos de 50.000 habitantes e reclama que se deixe de priorizar ás empresas concesionarias fronte ás necesidades da veciñanza e dos traballadores.

⚙ Configurar cookies
0.080375194549561