García Seoane, absolto polo derrubo da Casa Carniceiro

ACoruñaXa
A Audiencia da Coruña descarta o delito contra o patrimonio ao non existir protección especial e entende que a decisión estivo motivada polo risco de derruba tras o incendio de 2020
OLEIROS casa carnicero
23 Sep 2025

A Audiencia Provincial da Coruña absolveu ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e ao arquitecto municipal José Luis Jares no procedemento polo derrubo da Casa Carniceiro, executado o 31 de decembro de 2020. A Fiscalía pedía para o rexedor 12 anos de inhabilitación e 15 meses de prisión para o técnico por un presunto delito contra o patrimonio.

O tribunal conclúe que o inmoble non contaba con protección especial: figuraba no PXOM como elemento catalogado (B-28) de arquitectura civil con protección non integral e en solo urbano, polo que falta o elemento obxectivo do tipo penal. A sentenza admite que puido haber irregularidades formais, pero considera que a actuación non foi arbitraria nin inxusta, senón ligada á seguridade pública.

A Casa Carniceiro, levantada en 1916, estaba moi danada tras o incendio de xullo de 2020 e os informes técnicos apuntaban risco elevado de desprendementos. Os peritaxes sinalaron que a rehabilitación era inviable e que un apuntalamento só permitiría estabilizar o que quedaba, sen recuperar condicións adecuadas.

A pesar de que a Xunta apostaba por medidas de conservación e non outorgou permiso, a Audiencia entende que a proximidade á N-6 e o estado estrutural do inmoble xustificaron a orde de demolición que agora queda xudicialmente avalada para os seus responsables.

⚙ Configurar cookies
0.098840951919556