Coñecemos ao club Gallaecia Raid: "Cada carreira é diferente, porque a natureza e os mapas cambian de cada vez"

ACoruñaXa
Falamos sobre a entidade e a orientación con Carlos Salvador Rodriguez, o seu presidente. O 15 de febreiro realizan a primeira proba do calendario da Liga Galega de Orientación a Pie
gallecia-raid
9 Feb 2025

Por Amanda Fernández

Falamos con Carlos Salvador Rodriguez, presidente de Club Gallaecia Raid, con sede no Concello de Culleredo.

Cales son os inicios de Gallaecia Raid? 

O club nace a principios do ano 2005, cando un grupo de amigos que practicaban deporte, decidiron organizarse para poder competir nunha modalidade deportiva que era moi pouco recoñecida no noso país. Principalmente o que buscaban era participar en probas de aventura de longa distancia, coñecidas con Raids, que é unha das disciplinas que engloba o deporte da orientación.

Que tipos de actividades e disciplinas deportivas organiza o club? 

Ao longo destes vinte anos o club organizou probas deportivas en todas as disciplinas da orientación (a pé, en bicicleta, por equipos, etc.) tanto de carácter popular coma de ámbito internacional. O obxectivo é facer chegar a todo o mundo este deporte, dende a xente con amplía experiencia ata a xente que proba por primeira vez.
Somos o club de Galicia con máis socios, chegando no ano 2024, a preto dos 150. E con deportistas nos podios de tódalas categorías.

Por que a orientación segue a ser un deporte pouco visibilizado?

Coma todos os deportes minoritarios conta cunha problemática de patrocinios, ademais de ser completamente descoñecido ata mediados dos anos 90, onde se comezou a crear a Asociación Española de Clubes de Orientación.

Nos países nórdicos, a orientación é un deporte que forma parte das materias obrigatorias nas escolas dende principios do século XX. A peculiaridade do noso deporte reside en que a maioría das probas non se levan a cabo dentro dun espacio delimitado, normalmente son en espacios naturais e cunha infinidade de puntos de paso que dificultan a súa retransmisión. Isto dificulta o seguimento.

É un deporte que se desfruta participando xa que descobres sitios e paisaxes, que por iniciativa propia sería moito máis difícil. Dende hai uns anos estanse instalando uns dispositivos GPS, que levan os corredores, para tratar de facelo máis visible.

Trátase dun deporte moi divertido e apaixoante, onde as probas en ocasións se deciden por poucos segundos, engadindo a emoción de non saber o resultado final ata que chega o último corredor á liña de meta.

Poderías describir algunhas das competicións máis destacadas que organizastes recentemente?

Entre as mais importantes poderiamos destacar: o 'Raid Gallaecia Expedition 2017. ARWS, Series Mundiais'; o Campionato Ibérico 2022, disciplina bicicleta; o Campionato de España de CERAJ; o Eume Raid 2024; o Rogaine LERG 2023; ou o Campionato Galego Remudas 2024. Tamén diferentes probas da liga Galega de orientación e probas populares coma o Trail Andaina de Orro (11 edicións), Gulliver Fest, Nocturna Casa Sixto Paderne (10 edicións).

E como será a vindeira cita do 15 de febreiro na primeira proba da Liga Galega?

Trátase da primeira proba do calendario de Liga Galega de Orientación a Pé. Para esta primeira proba elaboramos un novo mapa na contorna da Coruña e dentro do Concello de Culleredo. Preparamos unha carreira de media distancia na modalidade en liña, onde atoparán uns percorridos que combinarán altas velocidades de movemento coa precisión necesaria para atacar correctamente os mandos debido ás variadas características do terreo que te atoparás. Queremos agradecer especialmente ao Concello de Culleredo o seu apoio constante para poder organizar esta proba que agardamos vos guste.

Que logros salientables acadou o club ao longo da súa traxectoria?

Principalmente resultados deportivos, situando equipos dentro do TOP10 mundial na disciplina de Raid, participacións en Campionatos de Europa da disciplina de OBM (Bicicleta), podios nas probas de liga española das diferentes disciplinas, Opie, Obm, Raid.

Ademais queremos subliñar a creación da primeira escola de orientación, no ano 2023, na que tratamos de dar una continuidade semanal a mellora dos coñecementos das técnicas de este deporte, xa que detectamos que existía una falta de adestramentos específicos fóra das datas previas das probas.

Cal é a vosa visión e obxectivos para o futuro de Gallaecia Raid?

No ano 2025, haberá un relevo na Xunta directiva xa que finaliza o mandato da Xunta actual. Pero como nestes últimos anos, o obxectivo, é achegar a todos os públicos o noso deporte e fomentar a participación dos mais xóvenes para garantir o futuro da orientación. Ademais manter a nosa relevancia dentro dos resultados tanto autonómicos como nacionais.

Como describirías o impacto do club na comunidade local de Culleredo? Hai moita rapazada da zona?

Mantemos una estreita colaboración co Concello, levando a cabo diferentes actividades para o fomento do noso deporte. Organizamos actividades para os veciños do municipio, xornadas formativas nos colexios e probas populares. Ao tratarse dun deporte que pode practicar toda a familia, contamos con moitísimos rapaces que queren descubrir o noso deporte e a natureza do concello.

Como se pode unir alguén ao club ou participar nas vosas actividades?

Na nosa web contamos con toda a información necesaria para facerse socio ou federarse, publicación das imaxes das nosas probas, normativa, tenda, etc. Ademais nas nosas redes sociais FB, IG, facemos publicacións recorrentes con toda a información das nosas actividades e resultados. Dentro das idades dos nosos socios temos dende nenos de 5 anos, ata adultos de 70. Abarcamos tódalas categorías, tanto oficiais como non oficiais (iniciación).

Que consellos darías a alguén que estea interesado en iniciarse na orientación ou nos raids de aventura?

Principalmente que non se lle teña temor á parte técnica, xa que se adapta a dificultade ao nivel do participante. Sobre todo que se trata dun deporte que engancha, porque combina a parte física cunha parte técnica que fai que queiras mellorar cada vez que o practicas, aprendendo todos os dias. Cada carreira é diferente, porque a natureza e os mapas cambian de cada vez.

Gózase da natureza e sobre todo do bo ambiente que hai nas probas, onde na maioría das veces faise un post carrera que facilita conversa cos outros corredores. Convidamos a todo o mundo a probar, estamos seguros que non vai a decepcionar a ninguén!

 

 

0.087209224700928