Galicia Fórum Gastronómico 2025: un festín de estrelas e sabores en EXPOCoruña

O Galicia Fórum Gastronómico quedou inaugurado e celebra por todo o alto a súa décima edición en EXPOCoruña ata o martes 25 de marzo. O evento reúne máis de 200 expositores e aspira a superar os 25.000 asistentes. Durante a inauguración, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a importancia da colaboración entre as distintas administracións para converter este foro “en un dos mellores eventos do ano en Galicia”.
No acto participaron o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director de Trade Marketing & RRPP de Hijos de Rivera, Manel Piñón; o director de programa do evento, Pep Palau; e a directora de Galicia Fórum Gastronómico, Ana Trevisani. “O Galicia Fórum Gastronómico é o mellor escaparate posible para o talento culinario da Coruña e de Galicia”, subliñou Inés Rey.
Tras a inauguración, a alcaldesa e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, percorreron os distintos postos do evento, que conta coa participación de chefs de renome internacional como Joan Roca, Elena Arzak, Marcos Morán, Rita Magro, Ricard Camarena, Lucía Freitas, Kanji Kobayashi, Marsia Taha e Javier Olleros.
A Deputación da Coruña está presente a través da campaña 'A paisaxe que sabe', que pon en valor a riqueza gastronómica da provincia vinculada á súa contorna natural. No seu stand, unha decena de produtores locais presentan os seus produtos, ofrecendo un amplo programa de actividades que inclúe almorzos, showcookings e degustacións. Entre os chefs participantes destacan os tres finalistas da provincia ao concurso de mellor cociñeiro/a galego do 2025: Nel Parada (Nodestada, Portosín), Víctor Basante (Arrueiro, Laxe) e Miguel Vázquez (Atípico, A Coruña), ademais de recoñecidos nomes como Iria Espinosa (Árbore da Veira, A Coruña), Nair González (Muelle 43, Mugardos) e Lucía Freitas (A Tafona, Santiago).
Baixo o lema "Un océano de cociñas", esta edición rende homenaxe á diversidade culinaria inspirada no Atlántico, destacando a riqueza e variedade da gastronomía galega.
Durante o acto inaugural, Valentín González Formoso destacou a relevancia deste evento para promover a gastronomía local e o turismo na provincia. Pola súa banda, Xosé Regueira subliñou o compromiso da Deputación coa promoción dos produtos autóctonos e o apoio aos pequenos produtores, reforzando a identidade gastronómica da Coruña.
Programación e actividades destacadas
O Galicia Fórum Gastronómico 2025 ofrece un amplo programa de actividades con máis de 200 expositores e destacados chefs internacionais. Entre as actividades programadas no stand da Deputación, hoxe inaugurouse a programación cun almorzo a catro mans con San Isidro Bakery e Cafés Lúa, seguido de degustacións e presentacións de diversos produtos galegos. Os showcookings de Nel Parada e Víctor Basante puxeron en valor a innovación culinaria da provincia.
Os showcookings do luns 24 serán protagonizados por Iria Espinosa (Árbore da Veira) e Miguel Vázquez (Atípico, A Coruña), ademais das presentacións de produtos como o Porco Celta de Orixes Galegas de Boqueixón, Chichalovers, Conservas Sotavento e Vánagandr, considerada a mellor xenebra do mundo.
No Espazo Ágora celebrarase a mesa redonda 'As escolas de hostalería: berce de talento', ás 16.30 horas, coa participación de recoñecidos chefs como Xosé Cannas (Pepe Vieira+ V Poio), Marta Cortizas (El Celler de Can Roca, Girona), Manuel Costiñas (Retiro da Costiña, Santa Comba) e Iria Espinosa (Árbore da Veira, A Coruña).