Galicia conecta coa súa diáspora en 25 países no 2º Maratón de Galeguidades impulsado pola Deputación

Durante máis de once horas ininterrompidas, Galicia estivo en contacto directo coa súa diáspora repartida por todo o mundo grazas ao 2º Maratón de Galeguidades, unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración co IGADI. O evento, celebrado en formato virtual e aberto, uniu 25 países dos cinco continentes arredor dun mesmo fío condutor: o papel fundamental da emigración galega na construción da identidade colectiva e na proxección internacional da cultura galega.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou na xornada destacando o “vínculo emocional intenso” que une Galicia coa súa emigración histórica e coa nova diáspora. Salientou tamén o traballo sostido que a institución provincial leva anos realizando en apoio a centros e iniciativas emblemáticas da Galicia exterior.
Formoso fixo referencia a exemplos concretos como o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, “onde se segue aprendendo a lingua galega”; o Museo da Emigración Galega (MEGA), “que mantén viva a memoria da diáspora”; así como o Fogar Galego para Anciáns e o Padroado da Cultura Galega en Montevideo. Tamén puxo o foco nas pequenas agrupacións creadas polas primeiras xeracións de emigrantes, moitas das cales precisan, segundo dixo, “un necesario relevo xeracional”.
Neste contexto, o presidente avanzou que a Deputación está a traballar en novas propostas de carácter cultural: “Queremos potenciar o vínculo cultural e emprendedor coa diáspora galega”, indicou, facendo referencia a proxectos de teatro e danza contemporánea que se pretenden levar a países como Arxentina ou Uruguai.
A programación do maratón incluíu conexións, entrevistas, actuacións e mesas de debate desde puntos tan diversos como Australia, Estados Unidos, Reino Unido, Portugal, Uruguai ou Arxentina. Entre as voces participantes destacaron as do músico Mondra; os xornalistas David Reinero, Manuel Gago e Santiago Garrido; e a neurocientífica da Universidade de Houston, Sonia Villapol. Tamén estiveron presentes organizacións como a Irmandade Galega de Suíza, a Rede de Galegas no Reino Unido, a Asociación Internacional de Estudos Galegos ou os centros galegos de Montevideo, Buenos Aires, Lisboa, Barcelona e Sidney.
Un dos momentos destacados da xornada foi a mesa conducida polo xornalista Santiago Garrido sobre concellos galegos e cadeas migratorias, que contou coa participación das alcaldías de Santa Comba, Vimianzo, Vedra e Carballo. Un espazo de reflexión arredor dos vínculos históricos e actuais entre o territorio galego e as súas comunidades no exterior, e sobre o papel dos gobernos locais no fortalecemento desa conexión.
Con esta segunda edición, o Maratón de Galeguidades consolídase como un espazo global e participativo da galeguidade contemporánea, cun formato que facilita o encontro e a visibilidade da cultura galega desde múltiples puntos do planeta.