Galicia acada o seu sexto centro de excelencia de FP co CIFP Universidade Laboral de Culleredo

Galicia consolídase como unha das comunidades líderes na Formación Profesional ao sumar o seu sexto centro de excelencia á rede estatal. Trátase do Centro Integrado de FP Universidade Laboral de Culleredo, recentemente recoñecido como referente no ámbito marítimo-pesqueiro en todo o Estado.
Co gallo deste nomeamento, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o CIFP Universidade Laboral acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e pola ministra de Educación, FP e Deportes, Pilar Alegría. Galicia sitúase así na segunda posición do ránking estatal, xunto con Aragón e Cataluña (seis centros cada unha), só por detrás do País Vasco, con sete centros acreditados.
Román Rodríguez destacou que este selo de calidade para seis centros galegos, dos 75 existentes en todo o Estado, é froito de máis dunha década de traballo para situar a FP galega como referente en innovación, investigación e emprendemento. O conselleiro subliñou a 'auténtica revolución silenciosa' vivida neste tempo, cun salto 'cuantitativo e cualitativo' que permite ofrecer máis oportunidades á mocidade e, ao mesmo tempo, dotar os sectores produtivos de profesionais altamente cualificados.
Mostra desta evolución son os 72.000 matriculados deste curso, que duplican a cifra de hai dez anos, así como as taxas de inserción laboral, que acadan o 85 % na FP ordinaria e o 100 % na FP Dual. Rodríguez insistiu en que a Estratexia galega de FP 2030, dotada con 900 millóns de euros, é a folla de ruta para manter esta traxectoria, e reclamou a continuidade dos fondos europeos como chave para consolidar unha FP de referencia estatal.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, expresou o seu orgullo polo recoñecemento outorgado polo Ministerio á Universidade Laboral. 'É un emblema de Culleredo, unha escola de vida gravada na memoria das miles de persoas que se formaron nela', afirmou. O rexedor considera a distinción 'moi merecida' e cualifica o centro como 'un motor para a inserción laboral da mocidade do municipio e tamén de Galicia'.
No caso concreto do CIFP Universidade Laboral, o recoñecemento como centro de excelencia marítimo-pesqueiro leva aparellado un investimento de 1 millón de euros para desenvolver o seu plan estratéxico baseado na innovación, a sostibilidade e a dixitalización. Entre as actuacións previstas están a modernización tecnolóxica de aulas e talleres e a incorporación de metodoloxías e ferramentas de vangarda, como simuladores de navegación e maquinaria con realidade inmersiva.
Así mesmo, a perspectiva sostible integrarase de xeito transversal na formación do alumnado, preparándoo para afrontar retos como a descarbonización do sector, a mellora da eficiencia enerxética e o cumprimento das novas normativas medioambientais. Desde a Consellería salientan que este novo paso reforza o posicionamento de Galicia na FP ligada á economía azul e á modernización do tecido marítimo-pesqueiro.