Fumega Fest pecha a súa edición con éxito e busca consolidarse no panorama do rock e metal peninsular

Fumega Fest estreouse con forza no Parque do Pasatempo, enchendo o recinto de riffs eléctricos e sons potentes que devolveron o espírito do rock e o metal a Betanzos. A primeira edición do festival contou con actuacións destacadas como as de Psychonaut, Dvne, Greenleaf e Monkey3, consolidando a iniciativa como un novo referente para os amantes do post-rock, post-metal, stoner, psych e space-rock na Península Ibérica.
A xornada de peche do sábado quedou marcada pola poderosa actuación dos suecos Greenleaf, quen conquistaron ao público cunha mestura explosiva de hard rock e heavy blues, ofrecendo un directo frenético e hipnotizante. Outro dos grandes momentos foi o concerto de Exxasens, que deixou clara a súa posición como unha das grandes referencias internacionais do post-rock e space rock. A verdadeira sorpresa chegou co directo dos madrileños Mohama Saz, que coa súa mestura única de psicodelia, rock e jazz espiritual elevaron ao público a un estado de trance que mereceu unha das maiores ovacións do festival. Pola súa banda, Kalte Sonne confirmou o seu talento no post-rock e metal instrumental, consolidándose como unha das perlas da escena galega.
O director do festival, Jordi Lauren, destacou que “o evento sáldase coa mellor das sensacións logo de ver a recepción desta primeira edición. O cariño, respecto e sentimento do público correspondeu con creces, e serve de base para seguir medrando e acadando novos fitos.” Ademais, subliñou que “é toda unha honra, tanto para min como para todo o equipo de PlayPlan, devolver as grandes noites cheas de guitarras e boa música a un recinto con tanta historia, ademais de fortalecer e dinamizar o tecido cultural, de comercio e de hostalaría da vila betanceira coa chegada de público procedente de toda a Península Ibérica.”
A organización xa traballa na seguinte edición para consolidar o festival como unha das citas imprescindibles no panorama peninsular destes estilos musicais, ofrecendo un espazo cómodo e histórico para os seguidores.
O venres deu comezo o festival cun marcado carácter internacional. O grupo galego Mano de Piedra foi o encargado de abrir a cita, animando a un público entregado a pesar do calor. Psychonaut seguiu co seu stoner e post-metal innovador, prendendo o Parque do Pasatempo e acadando unha das maiores ovacións da noite. Os escoceses Dvne impresionarono coa súa posta en escena ambiciosa e o seu post-metal progresivo. Finalmente, os suízos Monkey3 pecharon a primeira xornada cun espectáculo cargado de riffs electrizantes que transportou á audiencia nunha viaxe musical memorable.