Fumega Fest 2026 aposta forte polo stoner e o doom no Pasatempo con Conan á cabeza do cartel

O Fumega Fest dá un novo paso adiante e acaba de desvelar o cartel completo da súa segunda edición, que volverá encher de distorsión e guitarras pesadas o Parque do Pasatempo de Betanzos os días 26 e 27 de xuño. O festival, especializado en stoner rock, doom metal e sonoridades psicodélicas, consolídase así como unha das grandes citas da escena alternativa na Península Ibérica, despois do bo arranque da primeira edición en 2025.
O cartel de 2026 está encabezado pola banda británica Conan, un dos nomes máis respectados do doom metal europeo, coñecidos polo seu son extremo, cheo de distorsión e afinacións moi baixas. Xunto a eles estarán Stoned Jesus (Ucraína), cunha traxectoria que os levou a compartir escenarios con grupos lendarios como Black Sabbath ou Deep Purple, Burst (Suecia), referencia do metal progresivo máis poderoso, e Causa Sui (Dinamarca), cuia mestura de heavy-psych e experimentación instrumental é toda unha marca da psicodelia contemporánea.
A aposta internacional complétase cun abano de bandas estatais e galegas que achegan matices propios ao universo do stoner e do psych rock. No cartel figuran Wet Cactus (Cantabria), Men Eater e Travo (Portugal), así como as formacións galegas Moura (A Coruña) e Luciférnaga (Vigo), ademais de Volcanova, que chegará desde Islandia co seu stoner cheo de fuzz, grooves contundentes e harmonías vocais. O festival mantén así a combinación de grandes nomes europeos con representantes destacados da escena peninsular, un selo que xa definiu a súa estrea no calendario galego.
Os abonos para os dous días de Fumega Fest 2026 están xa á venda a través da web oficial do festival. Ao mesmo tempo, pódese adquirir o acceso á zona de acampada, situada nas inmediacións do recinto de concertos para toda a fin de semana. A organización destaca que a área de acampada contará con todos os servizos básicos e permitirá chegar andando tanto ao parque como ao centro de Betanzos.
Despois da boa acollida do debut do Fumega Fest, no que o Pasatempo xa demostrou ser un escenario ideal para este tipo de propostas polo seu carácter histórico e pola singularidade da contorna, o Fumega quérese consolidar como o evento como punto de encontro imprescindíbel para as persoas amantes do stoner, do psych e do post metal. O apoio do Concello de Betanzos, reforza a aposta por un festival que aspira a converter a vila nun destino fixo para o público máis rockeiro cada comezo de verán.