Fronte común do Concello de Betanzos, colexio e clubs para esixir a reparación do pavillón do Vales Villamarín

ACoruñaXa
O Concello e as entidades esixen unha reunión urxente coa Xunta para arranxar o pavillón antes do próximo curso
Imaxe da pista do pavillón Valles Villamarín en Betanzos
26 Jun 2024

O Concello de Betanzos, xunto coa Comunidade Escolar e os clubes deportivos e asociacións que utilizan as instalacións do colexio Vales Villamarín mantiveron unha xuntanza para analizar os problemas que padece o colexio e os equipamentos deportivos e solicitar, con carácter urxente, unha xuntanza coa delegada territorial da Xunta, Belén Docampo, para “tratar a situación e pedir que se executen os traballos o antes posible aproveitando as vacacións escolares”.

A solicitude foi asinada pola alcaldesa, María Barral, xunto coa dirección do colexio, as persoas representantes da AMPA, do Clube Santo Domingo de Baloncesto, do Troula Betanzos Fútbol Sala e a Asociación Concilia, responsable das actividades extraescolares do colexio. Nela trasládaselle á delegada territorial a “máxima preocupación” de todas as partes polo estado no que se atopa o pavillón “que fai inviable a súa utilización para calquera actividade, tanto as propias do centro educativo, as extraescolares, como as que realizan as distintas entidades deportivas”.

Nese sentido, tras varias peticións realizadas polo Concello, en representación da comunidade educativa, sen que ata o de agora fosen atendidas as demandas nin de reunión con todas as nin de execución dos traballos necesarios para arranxar a situación, agora as entidades xunto co Concello insisten a través deste escrito “en manter un encontro o máis axiña posible para poder afrontar as obras que posibiliten a utilización do polideportivo de cara ao vindeiro curso aproveitando para iso o parón vacacional escolar para poder executar devanditos traballos”.

As instalacións non puideron ser utilizadas ao longo deste ano con normalidade polas constantes filtracións e pingueiras que asolagaron a pista, non nunha zona determinada, senón en varias, e ocuparon unha boa parte da superficie, que fixo impracticable calquera disciplina deportiva. Non é un problema de mantemento, nin de falta de mantemento, é un problema de desgaste que, para resolvelo, é necesario acometer, ou un cambio da cuberta do polideportivo ou instalar unha sobrecuberta.

A maiores, as entidades tamén queren tratar a situación do propio colexio que desde hai anos está pendente dunha serie de melloras, das que son coñecedores na delegación, que ata o de agora non foron executadas. Neste caso, trátase da segunda fase de mellora do centro que quedou pendente dende hai varios anos e que inclúe, entre outras cousas, a ampliación do comedor do centro, que ten arredor dun milleiro de alumnos e alumnas.

0.15918612480164