Formoso recoñece o labor da Liga Reumatolóxica Galega
Este martes 27 de agosto, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Educación e Mocidade, Mar García Vidal, reuníronse na sede da institución provincial cunha delegación da xunta directiva da Liga Reumatolóxica Galega, encabezada pola presidenta da entidade, Ana Isabel Vázquez Lojo.
As responsables da entidade explicaron as diferentes liñas de traballo que impulsa esta entidade para a prevención, tratamento e rehabilitación das persoas con enfermidades reumáticas e musculoesqueléticas, que afectan a máis dun 20% da poboación galega, así como en accións de información e sensibilización social sobre estas enfermidades, que contribúen a unha detección máis precoz.
Neste sentido, a responsable da entidade explicou como para as persoas afectadas por enfermidades reumáticas tarefas cotiáns se volven difíciles ou dolorosas e destacou que contan cun equipo multidisciplinar, composto por terapeuta ocupacional, psicólogo, reumatólogo, logopeda...para atender as necesidades dos seus usuarios e usuarias. Tamén agradeceu o apoio económico que a Deputación lles vén prestando ao longo dos anos a través das liñas de subvencións para entidades sociais sen ánimo de lucro.
Pola súa banda, o presidente da Deputación interesouse polos detalles do traballo diario que desenvolve a entidade e polas súas necesidades tanto para axudar á visibilización social e detección precoz da enfermidade como para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e comprometeuse a visitar a sede da entidade para coñecer in situ o seu importante labor.