Formoso reclama unha Facultade de Medicina na Coruña para frear o déficit de médicos en Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sumouse ás voces que reclaman a implantación da carreira de Medicina na Universidade da Coruña (UDC), como resposta á crecente falta de profesionais médicos na comunidade, especialmente no ámbito rural e en especialidades como Pediatría.
"Hai unha demanda da sociedade galega de ampliar a plantillas de médicos que agora mesmo son insuficientes, especialmente no rural e en especialidades como Pediatría, onde o 15 % das prazas quedan sen cubrir", advertiu Formoso, alertando das consecuencias desta situación, que afecta a milleiros de nenos e nenas sen servizo de pediatría nos seus centros de saúde.
O presidente provincial lembrou que cada ano hai arredor de 3.000 solicitudes para acceder á carreira de Medicina en Galicia, fronte ás 400 prazas que oferta a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Con todo, cada ano se solicitan máis de 500 prazas MIR e prevese que un de cada tres médicos se xubile na vindeira década.
Neste contexto, Formoso preguntouse por que non se crea unha nova facultade na cidade herculina: Se cada ano hai 2.600 estudantes que quedan sen praza e siguen faltando médicos, non se entende que non poda haber unha nova oferta nunha cidade como A Coruña, que ten unha Facultade de Ciencias da Sáude consolidada, que garante unha docencia clínica de alta calidade, e que ten un hospital que está en todos os índices de referencia como o primeiro de Galicia e entre os mellores vinte hospitais de todo o Estado.
Reivindicou tamén a necesidade de garantir o acceso á formación pública nesta carreira: É unha carreira vocacional, probablemente a máis vocacional que existe, afirmou, e engadiu que os estudantes de Medicina deben poder seguirse formando na pública e non quedar á mercé das universidades privadas.
Lonxe de cuestionar o peso da USC, o presidente da Deputación defendeu unha oferta complementaria: Avogamos por seguir mantendo un papel preponderante a Facultade de Medicina de Santiago, pero preguntouse por qué non unha Facultade de Medicina na Coruña que dé cobertura a esta demanda social, a esas vocacións e que permita que os estudantes de Medicina se sigan formando na pública, que é o que está demandando a UDC?
Defende o papel subsidiario da Deputación nos murais de Lugrís
O presidente provincial tamén foi preguntado pola ausencia da Deputación na recente reunión entre a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña sobre a recuperación dos murais de Urbano Lugrís na rúa Olmos. Formoso explicou que a institución non participou por problemas de axenda, dos que tanto o Goberno galego como o municipal estaban informados.
O mandatario quixo aclarar cal debe ser o papel da Deputación neste asunto: Eses murais están na cidade da Coruña e pertencen á Xunta de Galicia, e o papel da Deputación, segundo di a Lei de Bases de Réxime Local, é apoiar especialmente aos concellos máis pequenos.
Formoso aproveitou para poñer en valor o investimento da Deputación na recuperación do patrimonio cultural ao longo da provincia: O patrimonio existe en todos os puntos cardinais da provincia da Coruña. Non se trata só de declarar administrativamente os Bens de Interese Cultural, senón de protexelos efectivamente.
E puxo exemplos: A Deputación da Coruña leva investido moitos millóns de euros con exemplos tan grandiosos como a recuperación do mosteiro de Caaveiro, a rehabilitación das baterías de costa de Ferrolterra, o dolmen de Dombate, o Pazo de Mariñán ou as Torres do Allo... e non recorremos a ningunha outra administración para facer todo este traballo de recuperación do patrimonio público nos concellos máis pequenos, facémolo co noso propio orzamento.
Finalmente, deixou aberta a porta á colaboración, sempre desde unha visión clara das competencias: Tampouco entendemos que a Deputación teña que ter un papel preponderante na conservación dunha cuestión que é de competencia autonómica. Estamos abertos a calquera tipo de colaboración institucional, polo que asistiremos a próximas reunións, pero facendo esta mesma reflexión.