Formoso destaca o labor da Deputación en materia de educación pública de calidade

ACoruñaXa
O presidente da Deputación da Coruña visitou o IES Puga Ramón, o único centro público de secundaria que xestiona a institución provincial
Puga Ramon 2
2 Feb 2024

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, defendeu esta mañá no IES Puga Ramón un modelo de educación pública de calidade como “un dos piares fundamentais do Estado de benestar, xunto coa sanidade”. Durante a visita, na que estivo acompañado polo director do centro, Pablo González Santiso, e as deputadas de Política Social e Educación, Mar García Vidal e Yoya Neira, contrastou “o modelo polo que aposta a Deputación da Coruña neste centro educativo, en contraposición co que xestiona a Xunta de Galicia.

“A diferenza é que o ratio nos centros da Xunta é de 30 alumnos por aula e aquí estamos entre os 18 e os 22. A diferenza é que nos institutos da Xunta o profesorado, as nais e os pais se queixan de que non hai docentes de reforzo ou para atender ao alumnado con necesidades especiais, e aquí levamos máis de 15 anos apostando por un modelo onde o apoio escolar é unha alternativa que se lle ofrece fóra do horario escolar a todo o alumnado que o precisa, como a gratuidade do transporte para as actividades curriculares”, enumerou Formoso.

O presidente provincial explicou que esa aposta pola educación pública, na que o investimento en medios e recursos é unha constante na Deputación, implica, entre outras, que se recuperen medidas como a gratuidade dos libros de texto, ademais de vixiar e poñerse como obxectivo a redución da ratio de alumnos co fin de garantir a calidade dos centros educativos.

O director do centro mostrou a súa satisfacción por que a Deputación sosteña un centro das características do Puga Ramón e lembrou que “sanidade e educación son piares básicos que un goberno e unha sociedade debe coidar”.

O IES Puga Ramón, dependente da Deputación da Coruña, é o único centro público de secundaria que xestiona unha institución distinta da Xunta en Galicia. Nel estudan máis de 400 alumnas e alumnos, distribuídos en aulas que se sitúan moi por debaixo da ratio máxima de estudantes por clase. Na última ABAU (proba de avaliación de bacharelato para o acceso á Universidade), o 97 % do seu alumnado obtivo o aprobado.

O transporte escolar é gratuíto para todas as actividades curriculares, xa que o centro cobre o 100 % do custo, sen que repercuta nas familias.En canto aos reforzos para o alumnado que os precise, o Puga Ramón pon a disposición dende hai 15 anos un servizo que se realiza fóra do horario escolar. Respecto ás actividades extraescolares, mantén dende hai máis de 15 anos diferentes intercambios con centros franceses e actividades como clases de idiomas e actividades deportivas.

 

0.18931198120117