Formoso aposta pola industria como motor clave no Congreso de FICA-UGT

ACoruñaXa
O presidente provincial incidiu en que só a industria é quen de activar o conxunto da economía
formoso-ugt
19 May 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na inauguración do Congreso de FICA-UGT Galicia, onde fixo un chamamento firme a apostar decididamente pola industria como eixo estratéxico da economía galega fronte á dependencia crecente do sector servizos.

“Galicia necesita un tecido industrial potente, sólido e solvente, non só como base da súa economía, senón como garantía de futuro, de innovación, de tecnoloxía e de empregos dignos”, subliñou Formoso no seu discurso, no que alertou do risco de manter o actual modelo económico desequilibrado.

O presidente provincial incidiu en que só a industria é quen de activar o conxunto da economía, ao concentrar sectores cunha maior capacidade de xeración de valor engadido e mellores retribucións para os traballadores. “Apostar pola industria é apostar pola estabilidade económica, polos salarios dignos e pola modernización do país”, afirmou.

Neste sentido, advertiu de que Galicia apenas alcanza o 16% de peso industrial no seu PIB, unha cifra afastada do 20 % recomendado pola Unión Europea e moi inferior á de rexións de Alemaña ou os Países Baixos, onde este sector supera o 30%. “Non se pode seguir fiando todo ao Camiño de Santiago”, dixo con rotundidade, en referencia á excesiva dependencia do turismo como motor económico.

Crítica á dependencia exterior e defensa dunha UGT “coherente”

Formoso tamén lembrou que a pandemia puxo en evidencia os perigos dunha economía excesivamente dependente do exterior, especialmente no ámbito industrial. “Vimos o que significaba non ter industria propia. Cando máis o precisabamos, a industria non estaba aquí, estaba fóra. E o máis grave é que seguimos igual”, sinalou.

Nunha clara defensa da traxectoria de UGT, o presidente da Deputación destacou a “coherencia demostrada por UGT durante os seus 137 anos de historia”, en contraste co que cualificou como “sindicalismo populista”. Criticou a actitude dalgunhas forzas sindicais que, ao seu xuízo, inciden en contradicións que prexudican á industria galega. “Non queren enerxías fósiles nin renovables, pero queren que exista industria. Non queren que se incremente o gasto en Defensa, pero reclaman carga de traballo para aos estaleiros. É unha incoherencia que está facendo moito dano a Galicia”, declarou.

Pechou a súa intervención cunha mensaxe de unidade e futuro: “Temos que saír deste congreso cun sindicalismo máis forte, cunha federación que traballe para transformar Galicia e construír un futuro no que a industria sexa o motor do benestar colectivo”.

 

⚙ Configurar cookies
0.087907075881958