Formoso afianza o apoio da Deputación ao deporte feminino
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, e a deputada delegada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, achegáronse ata o Pazo dos Deportes da Coruña para seguir o adestramento do Hockey Club Coruña Feminino e amosarlle o seu apoio para o que resta de temporada tanto ás xogadoras como ao corpo técnico e directivos.
A entidade provincial vén de asinar un convenio co conxunto coruñés, aprobado no último pleno, co que colabora no financiamento do club cunha achega económica de 15.000 euros.
Formoso quixo subliñar que: "O noso apoio ao Hockey Club Coruña Feminino, un equipo creado hai moi pouco e que xa ocupa lugar destacado na Ok Liga, a máxima categoría do hockey nacional, calsificouse para a Copa da Raíña e está realizando un bo desempeño na WSE Champions League Women".
"As xogadoras están sendo todo un exemplo para todas as rapazas da provincia que queren chegar a practicar deporte de alto nivel, independentemente do deporte que practiquen", afirmou.
Fomentando o deporte feminino
O presidente provincial quixo destacar a aposta da Deputación da Coruña polo deporte na provincia, e en particular ao deporte feminino, incluíndo beneficios para aqueles clubs que teñan categorías femininas nas bases das subvencións e creando modalidades deportivas femininas de todos os campionatos que organiza a entidade. Unha das medidas postas en marcha é a de aumentar a puntuación nas bases das subvencións para aqueles clubs que posúan categorías femininas de deporte base.
O ente provincial creou modalidades deportivas femininas de todos os campionatos que convoca, como a Copa Deputación de Fútbol ou a Bandeira de Traíñas e campionatos mixtos como a Copa Deputación de Balonmán na Rúa. Ademais, nos Premios do Deporte da Deputación e nas bolsas que concede a entidade, cada vez son máis as deportistas que reciben o apoio e o recoñecemento.