Foliada, pulpada e verbena para festexar San Blas en Oleiros

A parroquia de Santa María de Oleiros celebrará as festas de San Blas cun programa que mestura actos relixiosos e propostas festivas entre o martes 3 e o sábado 7 de febreiro. A organización corre a cargo da comisión de festas de Miraflores, coa colaboración do Concello de Oleiros.
Os actos comezarán o martes 3 de febreiro coa celebración de dúas misas. A primeira será ás 11.00 horas e, xa ao mediodía, ás 13.00 horas, terá lugar a misa solemne na honra de San Blas, que se oficiará na igrexa do cemiterio.
A programación festiva continuará o venres 6 de febreiro cunha xornada centrada na música tradicional e no lecer nocturno. Ás 20.00 horas celebrarase a terceira edición da Foliada, seguida ás 20.30 horas dun bolo preñado. A partir das 22.00 horas subirá ao escenario o grupo Unto Vello.
O sábado 7 será o día grande no eido gastronómico e musical. Ás 14.00 horas está prevista unha gran pulpada, acompañada dunha sesión vermú amenizada pola Charanga NBA. Pola noite, ás 21.00 horas, servirase lacón asado con animación musical de DJ JJ Compota, antes de dar paso á gran verbena, que correrá a cargo do grupo Unión y Fuerza.