Folga total nas escolas deportivas municipais da Coruña con marcha de Riazor a María Pita e clase aberta na rúa

ACoruñaXa
O persoal, no terceiro día de paro, esixe que Serviplus pague xa as nóminas pendentes e reclama que os novos pregos recollan melloras laborais e salariais
A CORUÑA manifa 3 escolas deportivas
13 Jan 2026

A terceira xornada de folga nas escolas deportivas municipais da Coruña volveu deixar este luns, 12 de xaneiro de 2026, un seguimento do 100% do persoal, segundo indican as representantes das traballadoras e traballadores. A protesta céntrase en dúas demandas principais: o cobro inmediato dos salarios que aseguran ter pendentes de Serviplus (nómina de decembro, paga extra de Nadal e atrasos) e a inclusión de avances reais nas condicións retributivas e laborais nos próximos pregos do servizo.

A mobilización produciuse mentres continúa o proceso de cambio na xestión das escolas deportivas, despois de que o Concello dese por finalizado o contrato coa concesionaria e articulase unha xestión temporal a través da empresa municipal Emvsa, á espera da nova licitación.

Co obxectivo de dar visibilidade ao conflito, a plantilla participou nunha manifestación que saíu do Pazo dos Deportes de Riazor e rematou na Praza de María Pita. Xa diante da Casa do Concello, desenvolvéronse unha concentración e unha demostración de actividades deportivas nas que tamén participaron persoas usuarias, que levan semanas amosando o seu apoio ás reivindicacións.

Ao finalizar o acto, a representación do persoal rexistrou un escrito para solicitar unha reunión coa alcaldesa, Inés Rey, ou co primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage Tuñas, co fin de abordar o contido dos pregos da seguinte concesión e introducir nel a súa táboa reivindicativa.

O calendario de mobilizacións continúa este martes, 13 de xaneiro, cunha nova concentración convocada ás 12.00 horas en María Pita.

⚙ Configurar cookies
0.073340892791748