Finalizan as obras de reforma da senda peonil na AC-160 ao seu paso por Vilarmaior

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, supervisou as obras de reforma e acondicionamento da senda peonil na estrada AC-160, á altura do núcleo da Feira do Tres, no Concello de Vilarmaior.
Esta nova intervención, cun orzamento de 85.000 euros, mellora a seguridade viaria e a accesibilidade nun tramo de case 2 quilómetros, comprendido entre os puntos quilométricos 5+000 e 6+900. A actuación supón un avance importante na mobilidade da zona, xa que se suma ás sendas habilitadas con anterioridade pola Xunta de Galicia, permitindo agora desprazarse a pé de maneira máis segura e sostible desde a praia de Miño ata Vilamateo, en Vilarmaior.
Os traballos centráronse no acondicionamento dun itinerario peonil cun ancho de 1,5 metros, realizado con firme de formigón con fibra e acabado en rodillo. A intervención soluciona as carencias deste tramo de estrada, que carecía de beirarrúas, facilitando así o tránsito seguro tanto para peóns como para ciclistas.
A delegada da Xunta destacou a importancia desta infraestrutura para a veciñanza, subliñando que “esta é unha zona con moito tránsito de peóns e ciclistas, polo que esta nova senda mellorará notablemente a seguridade e a comodidade de todos os usuarios”.
Con esta actuación, a Xunta de Galicia continúa a súa aposta pola mellora da mobilidade e a seguridade viaria nos concellos da comarca, facilitando opcións de desprazamento máis seguras e sostibles para os cidadáns.