Finaliza a urbanización do entorno escolar en Pastoriza
O Concello de Arteixo concluíu a segunda fase da urbanización do entorno fronte ao instituto de Pastoriza, a escola infantil Galiña Azul e rúas próximas. Esta actuación supón a transformación dunha superficie duns 9.500 metros cadrados, co obxectivo de mellorar a mobilidade urbana, a accesibilidade e os servizos básicos.
O ámbito intervido atopábase parcialmente urbanizado, presentando problemas de mobilidade tanto peonil como de vehículos, especialmente pola presenza de dous centros educativos públicos. A primeira fase das obras, realizada con anterioridade, tivo un custo de 426.000 euros, mentres que esta segunda fase, agora rematada, implicou un investimento de 226.000 euros. O investimento total, executado ao longo de dous anos, ascende a 701.000 euros.
As obras incluíron a urbanización das rúas Millareira e Pastoriza, próximas aos centros educativos, que tamén sufrían problemas de mobilidade. Ademais, prolongouse a avenida Agra Verde, conectándoa coas rúas Campanilla, A Furoca e Lagarto.
Para levar a cabo esta transformación, o Concello aprobou un expediente de expropiación para adquirir os terreos necesarios. Grazas a este proceso, creáronse novas zonas verdes e incrementouse o número de prazas de estacionamento, reordenando preto de 10.000 metros cadrados de espazos públicos.