Final de curso tamén para as clases de lingua de signos nos colexios con alumnado xordo

ACoruñaXa
A FAXPG desenvolve diferentes iniciativas para favorecer a inclusión das nenas e nenos xordos na contorna educativa a través de intervencións individuais e grupais
Imaxe dunha clase adaptada no colexio de Novo Mesoiro na Coruña
18 Xuño 2024

Un total de 28 centros educativos galegos nos que hai escolarizado alumnado xordo, contaron durante este curso con clases semanais de lingua de signos impartidas por Especialistas en LSE da Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). Nas sesións participan tanto os alumnos xordos como o resto dos seus compañeiros e compañeiras co obxectivo de favorecer a súa comunicación e interacción no día a día.

Trátase dunha iniciativa da FAXPG que conta con financiamento da Xunta de Galicia para levar a cabo. A través destas clases con profesorado xordo nativo desta lingua, facilítase a inclusión das nenas e nenos xordos nos centros ordinarios. Desde a FAXPG destacan a importancia desta medida para os menores xordos ao potenciar o contacto cos seus iguais, pero tamén a motivación e entusiasmo co que os compañeiros participan desta aprendizaxe.

Para clausurar o curso, Belén do Campo visitou este luns xunto a representantes da FAXPG un dos centros nos que se desenvolveron estas clases durante este ano, o colexio de Novo Mesoiro na Coruña. Fíxoo acompañada do Director Territorial de Educación, Indalecio Cabana e de José Ramón Amado en representación do grupo municipal popular.

Ademais de participar neste programa de clases de lingua de signos para todos, o colexio de Novo Mesoiro foi un dos premiados noutro dos proxectos da Federación para promover o uso da lingua de signos nas aulas a través da música, o concurso “Cantamos coas Mans”, no que este ano participaron un total de 21 centros de toda Galicia.

0.18404388427734