Finais do Trofeo Concello de Oleiros en A Marola

Oleiros acolle as finais do Trofeo Concello de Oleiros de fútbol, que alcanza a súa IV edición en mulleres e a LIV en homes. Os partidos celebraranse no Campo Municipal A Marola, ás 16.30 horas a final feminina e ás 18.00 horas a masculina.
Na categoría masculina, o Marino de Mera venceu ao Perillo na tanda de penaltis tras empatar 1-1 no marcador global, mentres que o Santa Cruz derrotou ao Dorneda por 3-2. Na feminina, tras cinco xornadas de competición, quedaron eliminados o Marino, o Xuventude de Dorneda e o Santa Cruz, deixando paso ao Atlético San Pedro e ao Unión Campestre de Montrove para disputar a final.
O Concello de Oleiros mantén a súa colaboración anual coas entidades deportivas participantes, cun orzamento de 16.050 euros, principalmente destinado a premios económicos para os clubs. O torneo consolídase como unha cita destacada no calendario futbolístico local.