Fina Paulos Lareo, de Oleiros, segunda Mellor Docente de España nos Premios Educa-Abanca

O pasado sábado 15 de marzo celebrouse na Coruña a gala de entrega dos VIII Premios Educa-Abanca, considerados os 'Goya da Educación'. Nesta edición, Fina Paulos Lareo, profesora de ensino secundario na especialidade de Informática do IES Maximino Romero de Lema de Baio, foi distinguida co segundo premio na categoría de Educación Secundaria e Bacharelato.
Natural de Santa Marta de Babío (Bergondo) e veciña de Perillo (Oleiros), Paulos conta cunha dilatada traxectoria no ámbito educativo. Nos últimos anos, destacou pola súa capacidade de innovación e pola introdución de novos enfoques pedagóxicos, especialmente no campo da Intelixencia Artificial (IA). Coordinou proxectos co seu alumnado que fomentaron valores e melloraron a vida das persoas con diversidade funcional, empregando a IA como ferramenta para a inclusión, a aprendizaxe e a motivación.
Ademais, publicou recentemente o libro Intelixencia Artificial para a sociedade, unha obra que explora o potencial da IA como ferramenta educativa e o seu impacto na sociedade contemporánea. Este traballo reflicte a súa visión transformadora e o seu compromiso por dotar ao alumnado das competencias necesarias para afrontar os retos do futuro.
Paulos salientou como formadora de docentes en IA e outras disciplinas. Colabora con diversas institucións, como o Centro Autonómico de Formación e Innovación e o Centro de Formación e Recursos, ambos dependentes da Consellería de Educación. Ademais, participou en iniciativas con entidades sen ánimo de lucro da comarca para difundir a IA entre a poboación.
Nos últimos anos, foi relatora en foros educativos de primeiro nivel, como o Seminario de Transformación Dixital e Intelixencia Artificial na Educación, organizado pola Organización de Estados Iberoamericanos, coa que colabora publicando artigos educativos. Tamén participou no Congreso Nacional de Escolas Rurais, onde compartiu a súa experiencia no uso da IA nas aulas.
Ademais, coordinou proxectos educativos que levaron o nome do IES Maximino Romero de Lema por toda España, participando en eventos como o Festival Plasencia en Corto, o II Certame de Enfermidades Raras, o Festival Foco, a Semana da Diversidade Sexual de Nigrán e outros certames de prestixio. Entre os galardóns acadados, destacan o primeiro e segundo premio polo fomento da doazón de órganos, convocado polo Sergas, e o premio OUFF Escolas do Festival Internacional de Cine de Ourense. Recentemente, acadou un primeiro premio no concurso 'Unha Constitución para todos', organizado polo Ministerio de Educación, xunto coa súa filla Irene Fernández Paulos.
Tras recibir o premio, Fina Paulos expresou o seu agradecemento: "Recibir este recoñecemento é unha honra inmensa para min. Non só polo que representa a nivel persoal, senón porque pon en valor algo no que creo profundamente: a educación pública, rural e galega".
Ademais, reivindicou o papel do ensino no rural: "Levamos anos demostrando que o lugar onde se aprende non debería marcar os límites do que se pode conseguir. A educación no rural é sinónimo de proximidade, de comunidade e de oportunidades para o alumnado".
Por último, quixo dedicar o galardón ás súas fillas, ao seu alumnado e ao equipo docente do IES Maximino Romero de Lema: "Este premio é tamén deles, porque foron eles quen iniciaron este camiño ao nomearme. Non hai maior satisfacción para un docente que saber que os seus alumnos valoran o esforzo, senten que aprenden e perciben que constrúren o seu futuro en cada sesión na aula".