Fillas de Cassandra actuarán na gala dos XXII Premios Mestre Mateo este sábado no Coliseum
Este sábado 23 de marzo a cidade da Coruña será a capital do audiovisual galego coa celebración da XXII gala dos Premios Mestre Mateo que será no Coliseum. Unha gala que contará coas creacións musicais de Fillas de Cassandra, quenes fiarán a gala.
Neste sentido, María SOA e Sara Faro son as responsables das composicións que acompañarán os distintos fitos da cerimonia, ademais de ser parte da súa dinamización a través de distintas actuacións que ofrecerán ao longo da noite.
“Para nós é marabilloso poder formar parte nesta edición dos Mestre Mateo, artellando composicións para a ocasión, con motivos novidosos que noutros contextos non se poderían dar, e nunha noite na que compartiremos escenario con outros proxectos do país, como é o caso do noso benquerido Mondra. Todo o proceso de creación e desenvolvemento da proposta foi revitalizador e moi enriquecedor”, apuntan María SOA e Sara Faro.
Así, a banda sonora orixinal creada por Fillas de Cassandra fiará musicalmente as distintas escenas que conformarán a cerimonia. É o caso das entregas dos galardóns, do Premio de Honra e doutros momentos do evento, que terá lugar no Coliseum da Coruña e que se poderá seguir ao vivo a través da Televisión de Galicia.
Con esta actuación, Fillas de Cassandra regresa á cidade da Coruña tras actuar o 22 de febreiro na Sala INN, nunha adaptación do espectáculo que están a presentar na súa nova xira, nomeada 'Últimas Dionisíacas'. Trátase dunha proposta escénica e musical na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. No directo, no que a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante, tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público.
Logo da exitosa estrea das 'Últimas Dionisíacas' o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo (cita á que asistiron máis de 1.400 persoas) e do seu paso pola Coruña, Arzúa, Ribadeo ou BIlbao (acompañando a Zetak no seu Aaztiyen Tour), Fillas de Cassandra actuará tanto en Galicia coma nas localidades de Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun) e Madrid (Sala Sol); así como en grandes citas musicais do territorio peninsular, entre as que se atopan ZEID FEST, Gozo Fest, Ortigueira, El Tingladu ou Revenidas.