Fernando Rey, impulsor da Asociación de Veciños de Teixeiro: ‘Queremos unha canle para informar e trasladar prioridades’

ACoruñaXa
Coa entidade recentemente rexistrada e preto de 50 socios, o colectivo arrinca cun primeiro paquete de peticións e pon o foco en obras, servizos, seguridade e en proxectos do polígono como a planta de biometano ou o centro de datos
CURTIS fernando rey
4 Feb 2026

A Asociación de Veciños de Teixeiro acaba de formalizar a súa constitución e, segundo explica o seu impulsor, Fernando Rey, nace coa finalidade de ordenar as demandas veciñais, mellorar a información dispoñible e trasladar solicitudes ás administracións. Entre os primeiros pasos, sinala que están a preparar reunións informativas para escoitar propostas nas parroquias e que xa remitiron algunhas peticións á administración municipal.

Antes de entrar na asociación: quen é Fernando e cal é o teu vínculo con Teixeiro?
Son diplomado en Óptica e Optometría, audioprotesista e licenciado en Ciencias Políticas. Nacín na Coruña, pero levo preto de dez anos vivindo en Teixeiro, a onde cheguei co meu marido e onde me sinto moi ben acollido polos veciños e veciñas.

Teño ademais unha traxectoria de máis de 14 anos no voluntariado (Banco de Alimentos, Protección Civil, unha entidade contra a exclusión social e colaboracións coa ONCE) e nos últimos anos fun tamén subxefe de Protección Civil. Esta experiencia foi o que me empurrou a dar o paso: impulsar a Asociación de Veciños de Teixeiro para canalizar propostas, informar mellor e trasladar prioridades.

En paralelo, son presidente de AESCO e coordinador do Departamento de Emerxencias Sanitarias, onde puxemos en marcha o ‘Proxecto Visión’, unha iniciativa solidaria para reacondicionar monturas doadas e axudar a persoas que non poden permitirse unhas lentes. E agora, ademais, estamos a traballar na apertura dun centro óptico e audiolóxico en Curtis.

Por que decides impulsar a Asociación de Veciños de Teixeiro?
Porque vía que había moitas cuestións do día a día das que se falaba, pero non existía unha canle estable para ordenalas e trasladalas. A asociación nace para escoitar á veciñanza, recoller as súas necesidades e facer un seguimento real. E para min hai unha clave fundamental: a información.

En que punto estades e cantas persoas sodes?
En canto anunciamos a posta en marcha hai unhas semanas, a resposta foi moi rápida: en poucas horas recibimos moitísimas mensaxes para apuntarse. Agora mesmo calculo que rondamos os 50 socios, pero seguimos medrando, xa que formar parte da asociación é moi sinxelo. Cómpre cubrir unha solicitude con datos básicos e listo. En canto ao custo, a idea inicial é contar cunha cota anual de 50 euros, para poder cubrir gastos.

A asociación abrangue só Teixeiro ou todo o concello de Curtis?
A asociación constituíuse para Teixeiro. É un traballo altruísta, a maioría traballamos e non podemos abarcar máis. Non pecho a porta a revisar o ámbito no futuro, pero agora preferimos centrarnos en Teixeiro e no que poidamos facer ben.

Como vos ides organizar e con quen queredes coordinarvos?
Queremos convocar reunións informativas e facer un traballo de escoita real, tamén nas parroquias. A idea é que a xente poida trasladar propostas e que se convertan en prioridades claras.

Tamén queremos coordinarnos con asociacións e AMPAs. Non se trata de duplicar esforzos, senón de sumar: cando hai obxectivos compartidos, ten sentido traballar xuntos e que cada colectivo aporte a súa parte.

Dicides que xa trasladastes un primeiro paquete de peticións. Cales son?
O primeiro foi poñer orde: preparar un paquete inicial duns 20 requirimentos. Para min era importante comezar así, de maneira estruturada, porque se non cada tema queda en conversas soltas e non se resolve nada.

O enfoque é práctico: distinguir o urxente do importante, priorizar o que afecta ao día a día e facer seguimento. Non buscamos ‘facer ruído’; queremos unha listaxe clara de necesidades para ir pechándoas unha a unha.

Un bloque importante ten que ver coa finalización de obras e o mantemento na avenida Doutor Martínez Pardo. Non falamos de replantexar toda unha obra, senón de aspectos concretos: baldosas rotas, bordillos danados, zonas onde o acabado non quedou ben ou arquetas que precisan limpeza ou revisión. Son detalles que inflúen na seguridade, no uso diario e no mantemento futuro. Desde o Concello trasladáronnos que a empresa adxudicataria volvería en febreiro para cambiar o necesario.

Outro asunto relevante é o alumeado. Hai puntos onde a iluminación é insuficiente e iso inflúe directamente na tranquilidade e na seguridade. Sinalamos tramos como a rúa Emigrantes e percorridos habituais de paso peonil que a xente evita pola noite.

Ademais, hai unha zona que consideramos especialmente abandonada: desde a escola Galiña Azul ata a rúa Faragullas (N-13), onde non hai nin un só punto de luz. A veciñanza dese tramo leva tempo con esta carencia e dá a sensación de que están discriminados pola falta de alumeado.

Tamén pedimos máis prazas de aparcamento e, sobre todo, máis prazas para persoas con mobilidade reducida, pero ben situadas: non se trata só de ‘pintalas’, senón de colocalas onde realmente se necesitan para facilitar a vida.

No polígono industrial hai algúns proxectos que xeran debate. Que postura tedes?
A postura é clara: información e transparencia. Proxectos como a planta de biometano ou o centro de datos xeran inquedanza se o único que chega á xente son rumores ou versións incompletas. O primeiro é saber exactamente que se propón, en que condicións, con que impactos e que medidas de control existen.

No caso do centro de datos, por exemplo, preocupa unha cuestión moi concreta: o consumo de auga para refrixeración, de onde se captaría e como se xestionaría despois. Con datos enriba da mesa, a conversa cambia, xa que se poden valorar beneficios, condicións e garantías. Por iso insistimos en reunións informativas e en que, antes de posicionarse, cómpre comprender.

Que mensaxe che gustaría deixar ao Concello e á veciñanza neste arranque?
Ao Concello diríalle que a nosa intención é colaborar con normalidade: trasladar propostas por escrito, argumentalas e facer seguimento. Queremos interlocución e avances, aínda que sexan progresivos.

E á veciñanza, o primeiro é darlles as grazas: grazas polo apoio e pola participación. A asociación está para sumar, para ordenar prioridades e para que a información chegue clara. Se a xente participa e achega, o traballo será máis útil e terá continuidade.

⚙ Configurar cookies
0.079730987548828