FELGTBI+ e ALAS A Coruña avogan por mellorar a resposta xudicial ante os delitos de odio por LGTBIfobia

Representantes da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis (FELGTBI+) e da entidade ALAS A Coruña mantiveron esta semana un encontro de traballo coa Fiscalía Xeral do Estado para avanzar conxuntamente no tratamento xurídico dos delitos de odio por LGTBIfobia no Estado español.
No encontro participaron Paula Iglesias, presidenta da FELGTBI+; William Gil D’Avolio, director executivo da organización; Ana G. Fernández e Pablo Zas Varela, presidenta e técnico de ALAS A Coruña, respectivamente. A entidade coruñesa forma parte da federación estatal e exerce como acusación popular no xuízo polo asasinato homófobo de Samuel Luiz.
Durante a xuntanza, mantida co Fiscal de Sala Coordinador contra os Delitos de Odio e Discriminación, Miguel Ángel Aguilar García, e con María Jesús Raimundo, fiscal adscrita, analizáronse novas medidas para mellorar a detección e o tratamento xudicial destes delitos, así como a correcta aplicación dos agravantes por LGTBIfobia, un elemento clave recoñecido finalmente no caso de Samuel.
A presidenta de ALAS aproveitou a ocasión para agradecer expresamente o labor da Fiscalía neste proceso. “É fundamental que casos tan graves como o de Samuel non queden impunes, para que a comunidade LGTBI+ se sinta amparada pola xustiza e esta sexa un reflexo real do progreso social en termos de diversidade”, sinalou Ana G. Fernández.
Pola súa parte, Paula Iglesias lembrou que o caso de Samuel marcou un antes e un despois na loita contra a LGTBIfobia: “Foi un punto de inflexión na visibilización do odio cara ao noso colectivo, e a súa consideración como delito con agravante por LGTBIfobia é un fito. É esencial que a sociedade vexa como as institucións e as organizacións colaboramos para garantir a seguridade e a dignidade das persoas LGTBI+”.
Segundo a “Enquisa Estado LGTBI+ 2024”, máis de 57.000 actos de odio foron denunciados polas persoas LGTBI+ nos últimos cinco anos, fronte aos apenas 1.738 rexistrados oficialmente polo Ministerio do Interior. A FELGTBI+ advertiu xa da existencia dun “iceberg de infradetección” e traballa actualmente na elaboración do seu informe sobre delitos de odio 2025, co obxectivo de visibilizar esta realidade e fomentar unha resposta institucional máis eficaz.
Desde ALAS A Coruña e a Federación, reclaman políticas activas de formación, prevención e acompañamento para vítimas, así como unha aposta firme por unha xustiza que recoñeza e actúe ante a violencia motivada pola diversidade afectivo-sexual e de xénero.